Campaña Non sexas pirata!

No mes de xullo, a Consellería do Mar puxo en marcha a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, en 14 areais da nosa comunidade. A iniciativa continuará no mes de agosto en 31 praias galegas, seleccionadas por ter unha maior produción marisqueira, así como un elevado número de visitantes durante a tempada estival.

A través de dinámicas de xogo, amósase o traballo diario de mariscadores e mariscadoras: especies que extraen, tamaños mínimos, actividades como sementeiras e limpezas, gastronomía e seguridade alimentaria.

Esta acción de sensibilización busca seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do sector marisqueiro na comunidade e sobre a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación. O furtivismo é un problema socioeconómico que prexudica aos mariscadores profesionais, supón un importante dano para o medio ambiente e un risco para a saúde pública, xa que o marisco extraído non pasa ningún tipo de control sanitario.


Campaña en comercio minorista

Durante o mes de agosto, a campaña promocional en establecementos de comercio minorista adheridos realízase nas localidades de A Coruña, Ferrol, Narón, Cedeira, Cee e Fisterra. Para participar, debes facer unha foto a un produto do mar coa etiqueta de pescadeRías nunha peixería adherida indicando o nome da mesma, e subila ás nosas redes sociais como comentario na publicación do sorteo.

Sorteamos vales para a compra de peixe ou marisco e kits promocionais. Consulta as bases premendo aquí.

XX Festa do Polbo de Bueu

Do 09 ao 11 de agosto, Bueu celebra a XX Festa do Polbo, organizada polo concello e a confraría de pescadores San Martiño de Bueu. Poderanse degustar arredor dunha vintena de especialidades deste cefalópodo. A empresa certificada Rosa de los Vientos contará cun posto de restauración.

Ademais, persoas usuarias dos centros de día da localidade, realizarán unha visita guiada á lonxa de Bueu o día 9, organizada polo concello de Bueu en colaboración coa confraría de Bueu e a marca pescadeRías, ¿de onde se non?.

Xestión de recursos

O Diario Oficial de Galicia publicou no mes de xullo as Resolucións da Consellería do Mar polas que se establece  un período de veda para a pesca do choco. Na Ría de Arousa comezou o 1 de agosto e se prolongará ata o 31 de outubro, e nas Rías de Pontevedra e Vigo, do 15 de xullo ao 31 de outubro.

Tamén en xullo, foi publicada a Resolución do 17 de xuño de 2019 pola que se aproba o plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón 2019-2021.

Degustación de produtos en Lira

Un ano máis, a confraría de pescadores de Lira, organiza dúas xornadas de exaltación de produtos da Reserva Mariña Os Miñarzos, no peirao de Portocubelo. A primeira tivo lugar o 27 de xullo e a segunda, celebrarase o 17 de agosto. Como en edicións anteriores, os produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non? como o polbo, percebes, nécoras, berberechos ou longueiróns son os protagonistas.

Aquí podes ver unha noticia relacionada publicada en El Correo Gallego.

XXII Festa do Percebe de Aguiño

O 4 de agosto celebrouse a XXII xornada de exaltación do Percebe de Aguiño organizada pola confraría de pescadores  de Aguiño, con grande éxito de participación. Andrés Torres Queiruga e Xosé Antonio Touriñán foron distinguidos cos Percebes de Honra. Este crustáceo é un recurso moi importante para a lonxa desta localidade. No ano 2018, descargáronse 41 toneladas de percebe na lonxa de Aguiño por un valor de máis de 1,2 millóns de euros. Aquí podes ver algunhas fotos da xornada publicadas en La Voz de Galicia.

Visita GALP Golfo Ártabro

O 10 de xullo, membros da xunta directiva do GALP Golfo Ártabro Norte e socios de 6 confrarías de pescadores, visitaron diferentes entidades certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? do ámbito do GALP Ría de Pontevedra:  Frigoríficos Rosa de los Vientos, Mares de Galicia, confraría de pescadores San Martiño de Bueu, marisqueo a pé en Poio e a confraría de pescadores San Roque de Portonovo. O obxectivo da visita foi a recollida de ideas vinculadas ao sector pesqueiro e marisqueiro.

FEDEPESCA

A Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Pescados e Produtos Conxelados, FEDEPESCA elaborou un vídeo para dar a coñecer e poñer en valor o oficio de marisqueo a pé. As protagonistas son as mariscadoras e mariscadores da confraría de pescadores Virxe do Carme de Arcade. O vídeo  foi cofinanciado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Podes ver o vídeo aquí.

Certificacións e adhesións

No mes de xullo, a lonxa da confraría de pescadores de Ferrol acadou a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? para todos os grupos biolóxicos que comercializan: peixes, crustáceos, cefalópodos, bivalvos, antozoos e equinodermos. A lonxa conta cunha depuradora e centro de expedición tamén certificados. Ademais, a confraría de pescadores, abriu recentemente unha peixería para a venta ao público en xeral, que adheriu á marca de calidade.

Participación en Feiras 2020

A Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e dentro das súas actuacións de promoción do sector pesqueiro, prepara a programación para asistir a diferentes feiras de ámbito internacional e nacional durante o ano 2020.

Se vostede ten interese en participar como empresa coexpositora en algunha delas, atopará toda a información premendo aquí.

Formación na lonxa de Muros

En xullo impartiuse formación ao persoal manipulador da lonxa de Muros en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos.

Un dos produtos que diferencia a esta lonxa é o ameixón (Callista chione), especie cada vez máis valorada polas súas posibilidades culinarias. A meirande parte das capturas en Galicia son comercializadas nas súas instalacións, de onde saen certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

A receita do mes

O linguado de pintas (Solea senegalensis) é un peixe branco, baixo en graxa, que nos aporta proteínas de calidade. É rico en minerais como o fósforo, o iodo, o potasio e o ferro, así como en vitaminas do grupo B.

Pola súa textura e sabor, é un peixe adecuado para preparar en cebiche, tal e como nos propón Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas de Lalín.

Preme aquí para ver esta sinxela receita.