En facebook xa somos 10.000!!!

O pasado mes acadamos os 10.000 seguidores/as en facebook e para celebralo sortearemos o vindeiro 22 de decembro un menú degustación para dúas persoas nun restaurante adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Para participar entra na nosa páxina, dálle gústame ao post do sorteo e cita unha característica ou un requisito que cumpren os produtos certificados pola marca.

Preme aquí para acceder á páxina e participar. Moita sorte a todos e todas e grazas por estar aí!!


Apertura da ostra en Noia

En decembro, iníciase en Noia a extracción de ostra plana (Ostrea edulis) desde embarcación. Outras lonxas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? onde atopamos este bivalvo son as de Barallobre e Mugardos, que concentran a meirande parte das capturas, e as de Bueu, Rianxo, Pontedeume e Cambados. Aquí podes ver un vídeo co proceso desde a captura ata a chegada á Lonxa de Testal (Noia).

Inicio da campaña da vieira

O vindeiro 10 de decembro comeza a campaña da vieira na Ría de Arousa, tras os informes favorables por parte do INTECMAR. As vieiras descárganse na Lonxa de Cambados para o seu control. Tras pasar por un proceso de depuración, son evisceradas manualmente deixando só a vianda, de cor branco, e a gónada, que é alaranxada. Deste xeito poden ser consumidas con todas as garantías de seguridade alimentaria.

I Foro activIDADE

O pasado 21 de novembro, o selo pescadeRías, ¿de onde se non? tivo presencia cun stand no I Foro activIDADE: alimentación e envellecemento activo, celebrado no Gaiás e organizado pola Unión de Consumidores de Galicia. As persoas asistentes recibiron información sobre etiquetado e trazabilidade dos produtos do mar, consumo responsable e recoñecemento de moluscos bivalvos. Aquí podes ver un corte do programa «Fun polo aire» rodado durante o evento.

Obradoiro de sabores

Do 15 ao 21 de novembro tiveron lugar unhas xornadas de promoción de produtos pesqueiros e agroalimentarios galegos en Buenos Aires e Montevideo, denominadas Obradoiro de Sabores, por iniciativa da Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Consellería do Mar e a Consellería de Medio Rural, entre outras entidades. Asistiron representantes do sector da comunicación, importación, restauración e comercialización. Os showcooking foron dirixidos polo cociñeiro Jorge Gago do restaurante A Maceta. O público asistente puido coñecer os produtos certificados de conservas Los Peperetes e Porto-Muiños.

Certificacións e recertificacións

Catro novas entidades foron certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? durante o mes de novembro: Conservas y Ahumados Luso Galaicos, S.L., que elabora produtos delicatessen con lampreas do Miño, e os distribuidores de peixes e mariscos Pescados Jaime, S.L. (peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos), Grupo Envimar NW, S.L. (peixes, cefalópodos, equinodermos, bivalvos e crustáceos) e Mares de Galicia, S.A. (bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos). Por outra banda, Conservas Artesanas Currican, S.L., superou a auditoría de seguemento.

Novas peixerías adheridas

En novembro, adheríronse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? sete novos establecementos. Seis compradores habituais da lonxa de Cedeira: Pescados Rosa, Peixería Costa Ártabra e Pescadería Sara, en Cedeira, as peixerías da Cooperativa do Val en Xubia e O Val (Narón), Pescadería Puente, tamén en Narón e a peixería do hipermercado ALCAMPO de Ferrol. Por outra banda, a Cooperativa Ría de Arosa, adheriu o seu posto recentemente adquirido no mercado de abastos de Santiago de Compostela.

Benvidos!!

Lucía Freitas, Estrela Michelín

O Restaurante da chef Lucía Freitas, A Tafona, Casa de Xantar, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou a súa primeira Estrela Michelín. Outros seis restaurantes adheridos á marca están distinguidos con este recoñecemento: O Retiro da Costiña, Restaurante As GarzasRestaurante Yayo Daporta, Restaurante Maruja LimónCasa Solla e Restaurante Pepe Vieira. Grazas por confiar nos produtos da pesca artesanal.

Charlas informativas en Cedeira

O pasado 26 de novembro impartíronse en Cedeira charlas informativas, para maioristas e minoristas, compradores da lonxa desta localidade, nas que se explicaron ás persoas asistentes os procesos de certificación e adhesión á marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Así mesmo, coñeceron os requisitos e características dos produtos acollidos ao selo, o etiquetado e o control da trazabilidade.

A receita do mes

Rubén González, chef de El Cafetín de Pontevedra, amósanos como elaborar a «Vieira afumada ao carballo e loureiro sobre arroz de algas». Esta espectacular preparación, recibiu os premios mellor tapa e mellor tapa creativa do “Pontedetapas 2017” e mellor tapa tanto para o xurado profesional como para o xurado popular do concurso “De Tapas por Galicia 2018”. Parabéns polos merecidos recoñecementos. Aquí podes ver a receita.