Estreamos aplicación para móbiles

Queremos presentarvos a nova APP da marca pescadeRías, ¿de onde se non?, unha aplicación móbil oficial da Consellería do Mar que proporciona información ás persoas consumidoras sobre a marca, os produtos certificados e os establecementos onde poder adquirilos ou consumilos. Permite coñecer as novas da marca, visualizar receitas e ademais incorpora un sistema de xeorreferenciación que permite localizar os diferentes axentes usuarios e adheridos da marca nun mapa. A aplicación desenvolveuse para smartphones co sistema Android e IOS e está dispoñible en galego e en castelán. Na actualidade, pódese descargar desde Google Play para dispositivos Android e en breve estará dispoñible para dispositivos IOS.


pescadeRías & pescaenverde

As novas etiquetas individuais de pescadeRías, ¿de onde se non? levarán tamén o logotipo da ecoetiqueta pescaenverde, creada pola Universidade de Santiago de Compostela e que aporta información sobre a Pegada de Carbono e a Taxa de Retorno Enerxético adaptada a cada tipo de frota e modalidade de pesca. Desde o mes de xullo de 2018, a marca pescaenverde acompaña aos produtos certificados na etiqueta de lonxa.

Xantar 2019

Do 06 ao 10 de febreiro celebrarase en Expourense, a 20º Edición da Feira Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense, Xantar. A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente nos obradoiros gastronómicos que terán lugar na Aula do Mar. Preme aquí para consultar o programa e  chamando ao teléfono 608 754004 ou no correo infotalleresxunta@gmail.com, se desexas participar en algunha das actividades.

Menú degustación en As Garzas

Aranza López Haz, gañadora do sorteo dos 10.000 fans, desfrutou dun menú degustación para dúas persoas no restaurante As Garzas de Malpica, adherido ao selo de pescadeRías, ¿de onde se non?.

O menú, a base de peixes e moluscos procedentes da pesca artesanal, foi deseñado por Fernando Agrasar, chef do restaurante.

Fin da campaña da vieira en Arousa

O pasado xoves 24 de xaneiro, rematou a tempada de extracción de vieira na Ría de Arousa. Capturáronse máis de 80 toneladas.

A vieira certificada seguirá presente no mercado conxelada, despois de pasar por un proceso de evisceración e depuración.

Aquí podes ver un artigo relacionado publicado no Diario de Arousa.

Plan patexo, patulate e conguito

Publicada a RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2018 pola que se autoriza o plan de pesca de patexo (Polybius henslowii), patulate (Liocarcinus depurator) e conguito (Liocarcinus corrugatus) para o ano 2019 na Comunidade Autónoma de Galicia. O plan autoriza a captura das tres especies durante todo o ano, con nasa para nécora e camarón, con fins non comerciais, para o seu uso como engado, e prohibe expresamente a captura de calquera outra especie mariña.

Axudas fomento da pesca sustentable

Publicada a ORDE do 19 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contempla axudas para investimentos que melloren a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo; que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies; que aumenten o valor engadido, calidade dos produtos e utilización de capturas non desexadas; en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático e en servizos de asesoramento para fomentar a pesca sustentable. Aberto ata o 18 de febreiro.

Primeira adquisición de buques

Ata o 25 de febreiro, os pescadores tripulantes de buques pesqueiros, poden solicitar Axudas destinadas á primeira adquisición dun buque de pesca.  Entre outros requisitos, a persoa solicitante deberá ter menos de 40 anos, estar de alta no réxime dos traballadores do mar e ter traballado, cando menos, cinco anos como pescador ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir; o buque que adquira ten que estar operativo, ter unha eslora total inferior a 24 m, entre 5 e 30 anos de antigüidade, estar equipado para a pesca mariña e pertencer a un segmento de frota que no informe de capacidade pesqueira, vixente no momento da solicitude, amose equilibrio coas posibilidades de pesca.

Adhesións e ampliacións

Contamos con tres novas entidades adheridas ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?: Peixes Niki, Peixes Lano e Pescados Raúl y Susa. Están ubicadas no mercado da Magdalena de Ferrol, no emblemático edificio modernista coñecido como «La Pescadería», obra do arquitecto Roberto Ucha. Benvidos!

A Lonxa de A Illa de Arousa, certificada para bivalvos e algas, ampliou o seu alcance de certificación a antozoos. Aquí podes ver un vídeo que amosa o proceso de extracción a mergullo das ortiguillas (Anemonia viridis) na Ría de Arousa. Foi gravado por Fran Paz Castro e Víctor Otero Outeda.

Moitas grazas!

A receita do mes

Héctor López, chef do Restaurante España en Lugo, ensínanos a preparar un fantástico sashimi de robaliza. Podes consultar os pasos para a súa elaboración premendo aquí.

A receita foi presentada durante as II Xornadas de Promoción e Difusión dos Produtos do Mar de Galicia, Do Mar ao Prato. Fotografía de MARGEN FOTOGRAFIA.