Xa temos gañadoras do sorteo de outono!!

As persoas agraciadas no sorteo de outono foron Tania Fernández e Jenifer Suárez Silva. Recibirán un lote de berberechos certificados e desfrutarán dunha visita guiada para dúas persoas aos bancos marisqueiros, á lonxa e á depuradora, de xeito que poidan coñecer todo o proceso que seguen os moluscos bivalvos desde a súa extracción ata o seu consumo. Tamén obterán un kit con produtos promocionais da marca pescadeRías, ¿de onde se non? composto de bolsa da compra, mandil, manopla de cociña, libreta de notas, libro de receitas e bolígrafo. Parabéns!

En breve publicaremos un novo sorteo na nosa páxina de Facebook para celebrar os 10.000 fans que estamos a piques de acadar. Estade atentos/as!!!


Tempada de volandeiras

O día 5 comezou a campaña da volandeira na Ría de Arousa. As diferentes confrarías da Ría acordaron a súa apertura tras os informes favorables por parte do INTECMAR. A volandeira comercialízase principalmente nas lonxas de Cambados e Rianxo, ámbalas dúas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

No mercado poderás atopalas frescas durante a época de captura e conxeladas e evisceradas o resto do ano, comercializadas pola empresa certificada Porto de Cambados, S.L.

A centola e o boi regresan ás lonxas

Conforme se recolle na Resolución do 19 de xuño de 2018 pola que se aproba o Plan de Xestión da Centola e o Boi 2018-2019, ámbolos dous crustáceos poderán comezar a ser extraídos a partires do vindeiro 12 de novembro entre a desembocadura do Miño e o Cabo de Estaca de Bares. A veda continúa dende este punto ata o Río Eo ata o 2 de decembro. A veda no 2019 comezará cando así o estableza o novo Plan de Xestión 2019-2020, previsiblemente ao comezo do verán.

A cadelucha, a xoia de Cedeira

A cadelucha, Donax trunculus, é extraída por mariscadoras/es da Confraría de Pescadores de Cedeira entre outubro e abril na Praia de Vilarube. Unha parte das capturas, comercialízanse directamente ao público en A Tenda da Lonxa, tras pasar por un proceso de depuración.

É un molusco bivalvo que habita en praias abertas de augas limpas e area fina. A súa cuncha é lisa e as valvas alongadas, xeralmente de cor tostada, violáceas no interior. A talla mínima é de 35 mm.

Exaltación do Berberecho de Noia

Entre o 18 e o 21 de outubro, celebráronse as III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia cun amplo e variado programa, organizadas pola Confraría de Pescadores de Noia. O Chef Paco Roncero coñeceu os bancos marisqueiros, a lonxa, a depuradora e a praza de abastos, ademáis de realizar unha magnífica masterclass. Ángels Barceló adicou o seu programa Hora 25 ao berberecho de Noia, leváronse a cabo xornadas técnicas e unha degustación popular con fins benéficos.  Aquí podes ver un vídeo.

I Festa da Empanada Mariñeira

Os pasados 6 e 7 de outubro celebrouse a I Festa da Empanada Mariñeira con produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non?, organizada polo Club de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo,  con showcookings, maridaxes e concursos de empanadas populares e interconfrarías. Nela rendeuse unha homenaxe a Joselito, Patrón Maior en funcións, en recoñecemento ao seu traballo, na que participaron familiares, amigos e representantes do sector. Aquí podes ver un vídeo resumo.

Showcooking A Cociña do Mar

Durante a última edición da Festa do Marisco de O Grove, a Asociación de Empresarios/as Grovenses de Bens e Servicios, EMGROBES, rendeu unha homenaxe a produtos pouco coñecidos como as herbas de litoral, as algas, o carneiro, o rabioso e o muxo, nun showcooking con produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Aquí podes ver un vídeo resumo e descargar o recetario das distintas preparacións presentadas.

Certificacións e ampliacións

En outubro, Pescados Manuela García, S.L., certificouse para peixes e cefalópodos. A Lonxa de Burela, a Lonxa de Campelo e a empresa Europesca Gallega, S.L.U., pasaron auditoría de seguemento. Por outra banda, Mariscos Inés, S.L. certificada para bivalvos, equinodermos e gasterópodos, ampliou o seu alcance para a distribución de cefalópodos, crustáceos e peixe e Mariscos Veiro, certificada para bivalvos e equinodermos, ampliouno a crustáceos.

Mulleres no sector pesqueiro

Entre o 5 e o 7 de novembro, tivo lugar en Santiago de Compostela a I Conferencia Internacional de Mulleres da Pesca, que organiza a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, coa colaboración da Xunta de Galicia e da FAO. O encontro contou con talleres temáticos, espacios expositivos e visitas a distintas localidades, orientados ao intercambio de experiencias, proxectos e boas prácticas arredor da situación da muller no ámbito pesqueiro.

A receita do mes

O muxo é un peixe semigraxo exquisito, dunha excelente calidade, que atopamos no mercado a un prezo moi asequible, procedente de augas abertas.

Francisco Caneda, profesor de cociña, amósanos como preparalo escabechado e acompañado de verduras e alga wakame. Esta preparación foi presentada nas xornadas A Cociña do Mar organizadas por EMGROBES durante a última edición da Festa do Marisco de O Grove. Aquí podes ver a receita.