Novo sorteo en facebook

Para celebrar a entrada no outono sorteamos entre os/as nosos/as fans de facebook nada menos que 2 lotes de berberechos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os/as afortunados/as gañadores/as, desfrutarán así mesmo, dunha visita guiada para dúas persoas aos bancos marisqueiros, á lonxa e á depuradora, de xeito que poidan coñecer todo o proceso que seguen dende a sú extracción ata o seu consumo. Para participar, visita a nosa páxina de facebook, busca o post do sorteo e preme gústame, comparte ou etiqueta á persoa coa cal os compartirías. Moita sorte!!


I Festa da Empanada Mariñeira

O 6 e 7 de outubro temos unha cita na lonxa de Portonovo coa celebración da I Festa da Empanada Mariñeira de produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, organizada polo Club de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo. Showcooking para persoas adultas e nenos e nenas, maridaxes e concursos de empanadas populares e interconfrarías son parte das actividades desta cita gastronómica. Cartel da festaprograma de actividades.

A cociña do Mar

Os produtos certificados protagonizarán as xornadas gastronómicas A cociña do mar, organizadas polos Empresarios/as Grovenses de Bens e Servicios, EMGROBES. O programa de actividades, que contempla dous showcooking, celebrarase o xoves, 11 de outubro. Esta edición está adicada ás herbas de litoral, ás algas, ao carneiro e ao muxo.

Preme aquí para ver o cartel das xornadas.

Conxemar 2018

Do 2 ao 04 de outubro estivemos na XX Edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (CONXEMAR), que se celebrou no Instituto Ferial de Vigo-IFEVI, dando a coñecer a certificación pescadeRías ¿de onde se non? no stand da Consellería do Mar.  Tiveron presenza con stand propio as empresas certificadas Mariscos Daporta S.L., Frigoríficos de Camariñas, S.L., Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L., Frinsa del Noroeste, S.A. e Yatecomeré, S.L.

pescadeRías no Mercado do Mar

Berberechos, polbo e longueiróns certificados protagonizaron o showcooking, Tesouros das nosas, rías celebrado no Mercado do Mar o 22 de setembro en A Coruña. Aos fogóns, Iria Espinosa, xefa de cociña do restaurante Árbore da Veira.

Ademais, contamos cun stand informativo para achegar ás persoas visitantes o selo de pescadeRías, ¿de onde se non?. Preme aquí para ver unhas fotos da xornada.

FICBUEU 2018

Durante a visita realizada ao peirao e á praza de abastos de Bueu, os/as directores/as e críticos/as do cinema de varios países participantes en FICBUEU 2018, coñeceron os oficios do mar, a diversidade de produtos da pesca artesanal, así como aspectos relacionados coa súa frescura, comercialización e a trazabilidade. Ademais, asistiron a unha degustación de produtos certificados coa cociñeira Criselda Iglesias de Tapería Lecer de Cangas. Aquí podes ver un vídeo da actividade.

VIII Xuntanza de Gastrobloggers

Un ano máis acompañamos aos Bloggers Gastronómicos na súa VIII Xuntanza celebrada en Sanxenxo os días 15 e 16 de setembro.

Peixes, equinodermos, moluscos bivalvos e cefalópodos certificados estiveron presentes nos pratos do menú elaborado por Miguel García, propietario do restautante Nolita Xantar de Praia, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Consume peixe con confianza

A Consellería do Mar puxo en marcha a campaña «O noso peixe é de fiar» en resposta á alarma xerada sobre o anisakis. Nun pequeno vídeo, ofrécense unha serie de indicacións sobre a manipulación e preparación de peixes e mariscos, para consumilos con todas as garantías de seguridade. Lanza unha mensaxe de tranquilidade e  fai fincapé no feito de que podemos consumir peixe con confianza sempre que se adquira polas canles legais de comercialización e que se cumpran as recomendacións sobre a súa manipulación.

Minoristas adheridos

Tras a recente certificación da Lonxa de Ribeira, 9 minoristas, clientes desta entidade, adheríronse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?: As peixerías ambulantes Pescados y Mariscos DanielPeixes MedaPeixes J. Romero e Pescados Boo, a Pescaderia Boiro, ubicada nesta localidade e as peixerías Pescados Elena Caldas, con postos na praza de abastos de A Estrada e Noia, Pescados Batalla, na praza de abastos de Pontecesures e Peixes e Mariscos Mónica, na praza de abastos de Vilagarcía de Arousa.

Novas certificacións e ampliacións

Durante o pasado mes, tres novas entidades acadaron a certificación para o selo pescadeRías, ¿de onde se non?: A Lonxa de Vilaxoán certificouse para a comercialización de bivalvos; Pulpo de Camariñas, S.L. etiquetará o polbo conxelado baixo o noso selo e a empresa de Cambre Novás y Mar especialidades, S.L., distribuirá especies eurihalinas certificadas.

A maiores, a Lonxa de Mugardos, certificada para bivalvos, ampliou o seu alcance a gasterópodos.

Axudas en prol da biodiversidade

Orde do 7 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

Formación

En setembro, impartimos formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos na Lonxa de Vilaxoán, como requisito previo á súa certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Por outra banda, minoristas que mercan o seu produto na Lonxa de Ribeira, participaron nunha charla sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non? e os requisitos para adherirse á mesma.

A receita do mes

O salmonete é un peixe de rocha de delicado sabor, habitualmente presente nos nosos mercados.

No restaurante adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? Hostal La Viuda, en A Pobra de Trives, prepáranno rebozado con puré de pataca, unha sinxela elaboración, que comparte con nós o seu chef Anxo Fernández. Preme aquí para acceder a ela.