pescadeRías, produtos de cine!

Luces, cámaras e acción para os produtos certificados procedentes da pesca artesanal. O sábado, 15 de setembro, profesionais do cinema de varios países participantes no 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu- FICBUEU 2018, asistirán á actividade Descubrindo as excelencias das Rías Galegas con pescadeRías, ¿de onde se non?.

Realizarán unha visita guiada ao porto e á praza de abastos de Bueu e asistirán a un showcooking con degustación de produtos do mar certificados.


Campaña de marisqueo en Noia

A confraría de pescadores San Bartolomé de Noia acordou iniciar a campaña de marisqueo 2018/19, o próximo día 10 de setembro. Unhas 1500 persoas están autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xapónica, entre mariscadores/as a pé e dende embarcación.

Os bivalvos de Noia están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Mercado do Mar

Os días 22 e 23 de setembro celebrarase unha nova edición do Mercado do Mar dentro do Festival Mar de Mares, na explanada do Parrote en A Coruña. Ademais de contar cun punto de información, estaremos no showcooking con produto certificado que levará a cabo Iria Espinosa, xefa de cociña do restaurante Árbore da Veira o sábado 22 de setembro ás 18:30 horas. Aquí podes atopar máis información sobre o Mercado do Mar.

XIX Festa do Polbo de Bueu

No marco da XIX Festa do Polbo de Bueu, persoas usuarias de Contigo Centro de Día Terapéutico e do Centro de día Pescadoira, realizaron unha visita guiada á praza de abastos de Bueu, organizada polo concello de Bueu en colaboración coa marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Coñeceron a variedade de peixe e marisco procedente da pesca artesanal e aspectos relacionados coa frescura do peixe e a trazabilidade dos produtos do mar.

Encontro de Gastrobloggers

O 15 e 16 de setembro terá lugar o VIII Encontro de Bloggers Gastronómicos en Sanxenxo, con participantes de ámbito nacional e autonómico. Os produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? estarán presentes nas elaboracións que realizará o xefe de cociña do restautante Nolita Xantar de Praia, de Sanxenxo.

Triple Coroa Illas Atlánticas

O selo pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no Parador de Baiona o 8 de setembro con motivo da celebración da primeira proba da segunda edición da Triple Coroa Illas Atlánticas.

A travesía a nado disputarase entre as Illas Cíes e Baiona, cuns 15 km de percorrido.

Feiras en setembro

Do 4 ao 6 de setembro celébrase en Wanchai, Hong Kong, a Seafood Expo Asia, un punto de encontro e de negocio para comercializadores de produtos do mar no mercado asiático. A Consellería do Mar asiste con seis empresas coexpositoras dando así visibilidade aos produtos galegos de calidade.

Novas adhesións

En agosto, tres novos establecementos apostaron pola pesca artesanal adheríndose ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?: Na provincia de A Coruña, a peixería A Peceira de Gonín, en Noia e o restaurante Playa de Sardiñero, en Fisterra. Na de Pontevedra, o restaurante Nolita Xantar de Praia, en Sanxenxo. Benvidos!!

Novas certificacións

Durante o pasado mes, incorporáronse á marca pescadeRías, ¿de onde se non? dúas novas entidades: Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, con alcance de certificación para moluscos bivalvos e a Depuradora Mariscos Ramais S.L., situada en O Freixo, Outes, con alcance de certificación tamén para moluscos bivalvos.

Recertificacións e ampliacións

A Lonxa de Mariscos de Vigo (bivalvos), a Lonxa de Arcade (bivalvos e peixe) e a Lonxa de Portonovo (bivalvos, cefalópodos, equinodermos e peixe), pasaron auditorías de seguemento ou recertificación. A Lonxa de Barallobre, certificada para bivalvos e equinodermos, ampliou o seu alcance para a comercialización de gasterópodos.

Peche da sardiña

A Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira resolveu establecer un peche precautorio a partires do 2 de setembro, nas pesquerías de sardiña para os buques de cerco que usen as artes de racú e piobardeira, así como para os que utilicen a arte do xeito. Podes ver a resolución para racú e piobardeira premendo aquí e a do xeito no seguinte enlace.

Formación

En agosto, o persoal da lonxa de Cabo de Cruz,  recibiu formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos, como requisito previo a súa certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Cabo de Cruz comercializa baixo o noso distintivo, os bivalvos procedentes dos seus bancos marisqueiros a pé e a flote, así como a navalla extraída a mergullo.

A receita do mes

Durante a última edición da Festa do Polbo de Bueu, a chef Beatriz Sotelo, elaborou variadas creacións deste cefalópodo. Unha delas foi a receita de polbo fritido con conservas en vinagre, que podes consultar premendo aquí.

Foto do prato: @chemagarciaseijo para www.bluscus.es.