Nova especie certificable: Serrán riscado

O serrán riscado (Serranus scriba) acaba de entrar na listaxe de especies que poden ser comercializadas baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

É un peixe de corpo alongado e rechoncho que se distingue pola súa cabeza puntiaguda e pola cola truncada e redondeada. O pedúnculo caudal é groso; a boca grande; o preopérculo aserrado e o opérculo presenta tres espiñas planas. As escamas son pequenas. A cor é inconfundible: o dorso e parte dos flancos son de cor rosada ou marrón pálida e presenta de cinco a sete raias transversais de cor marrón escura e unha gran mancha  que se fai máis evidente coa idade e o tamaño do peixe. A cabeza é un labirinto de liñas sinuosas azuladas que lembran a escritura arábiga, de aí ven o seu nome específico scriba. Habita en fondos rochosos superficiais e pradeiras de fanerógamas mariñas. É hermafrodita simultáneo, é dicir, durante o período de posta poden actuar tanto de machos como de femias. Péscase con trasmallos a pouca profundidade.

Fonte da fotografía: www.ictioterm.es


pescadeRías, de cine!

Estendemos a alfombra vermella para os produtos certificados procedentes da pesca artesanal. O sábado, 14 de setembro, directores/as e críticos/as do cinema de varios países participantes no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU 2019, asistirán á actividade Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?, na cal visitarán o peirao, a lonxa e a praza de abastos, e asistirán a unha mostra de cociña en directo con degustación de produtos do mar certificados.

Mercado do Mar

Os días 21 e 22 de setembro terá lugar unha nova edición do Mercado do Mar dentro do Festival Mar de Mares, na explanada do Parrote en A Coruña.

Ademais de contar cun punto de información, estaremos no showcooking Tesouros das nosas rías que levará a cabo Ana Portals, do Espazo Gastronómico Solleiros o sábado 21 de setembro ás 18:30 horas. Se desexas participar como empresa expositora no mercado, podes atopar máis información aquí.

Festa do marisco de Vigo, VIGOMAR

Entre o 05 e o 08 de setembro, celébrase a XVII Festa do Marisco de Vigo, cunha ampla oferta gastronómica e unha sección internacional adicada á comida xaponesa.

O pregón correrá a cargo do cómico Xosé Antonio Touriñán. O evento compleméntase con obradoiros, animación de rúa e actuacións musicais, así como con xogos populares e un espazo onde poderán divertirse nenos e nenas. Consulta o programa e os menús premendo aquí.

O mar que nos move

A Consellería do Mar puxo en marcha unha nova campaña de promoción dos produtos do mar de Galicia baixo o slogan O mar que nos move, na cal faise fincapé na importancia do sector pesqueiro para a economía da nosa comunidade así como na problemática do furtivismo.

Aquí podes ver os vídeos asociados á mesma: vídeo 1 e vídeo 2.

Convivencia de mulleres de pesca

Do 20 ao 22 de setembro celebrarase a I Convivencia de Mulleres da pesca no Camiño, un proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo.

Organizada pola Asociación Nacional de Mulleres na Pesca, Anmupesca, contará con visitas culturais, intercambios de experiencias, diálogo e reflexión no Camiño de Santiago.

IX Xuntanza de Bloggers

O 21 e 22 de setembro celebrarase a IX Xuntanza de Bloggers Gastronómicos  de Galicia, en A Coruña, con 50 participantes de ámbito nacional e autonómico. Os produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? estarán presentes nas elaboracións que realizará Tito Fernández, xefe de cociña do Hotel NH Collection Finisterre de A Coruña.

Visita institucional a Ribeira

O eurodeputado e membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon, visitou a lonxa de Ribeira acompañado da Conselleira do Mar, onde puido comprobar o funcionamento deste centro co obxectivo de trasladar a Europa a realidade da pesca galega. Durante a visita, tivo lugar un encontro co xerente da lonxa e o patrón maior de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, no cal se abordou a reforma do regulamento de control pesqueiro proposta pola Comisión Europea.

As percebeiras de Baiona na BBC

O traballo das percebeiras da Confraría de Pescadores de Baiona foi noticia recentemente na BBC.

A reportaxe amosa o traballo diario que supón a extracción deste recurso, a súa dureza, así como as dificultades que supuxo a integración das percebeiras nunha profesión que era exercida maioritariamente por homes.

Preme aquí para ver o vídeo e aquí para acceder ao audio (en inglés).

FARNET

A Rede Europea de Zonas de Pesca estivo de rodaxe coa Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns e a Asociación de Redeiras Illa de Corme para a elaboración dun vídeo sobre  Desenvolvemento Local Participativo que se publicará a finais de ano.

O centro de primeira venda e a depuradora da Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns están certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos.

Repoboación bancos marisqueiros

A Consellería do Mar subvenciona a repoboación de preto de 170.000 metros cadrados de superficie para o marisqueo con especies autóctonas ao abeiro da convocatoria de axudas de 2019 a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. As entidades beneficiarias son as confrarías de Pontedeume, Camariñas, A Illa de Arousa, Cambados, Vigo, O Grove, Redondela e a Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo.

Campaña marisqueira en Noia

Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia acordou iniciar a campaña de marisqueo 2019/20, o próximo día 16 de setembro, condicionado ao remate do episodio de toxina. Unhas 1500 persoas están autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xaponesa, entre mariscadores/as a pé e dende embarcación. Os bivalvos comercializados na lonxa de Testal e o centro de primeira venda de O Freixo están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Certificacións e adhesións

A empresa coruñesa Frigobotana, que distribúe produtos tanto frescos como conxelados, superou este mes a auditoría de certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? baixo o cal comercializará o peixe procedente da pesca artesanal.

Tamén na cidade de A Coruña,  no Mercado de Elviña, contamos cun novo axente adherido: La pescadería de José Somoza.

Benvidos!

Guía visual de especies demersais

No marco do proxecto MAPDESCAR, realizado polo Instituto Español de Oceanografía, cuxo obxectivo é caracterizar os descartes pesqueiros no caladoiro nacional Cantábrico- Noroeste, realizouse unha guía visual das especies demersais da plataforma continental de Galicia e o Mar Cantábrico.

A guía consta de dúas partes, que podes descargar nos seguintes enlaces: peixes e invertebrados mariños.

Axudas eficiencia enerxética

Publicada a orde que ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que melloren a eficiencia enerxética nos edificios das lonxas pesqueiras mediante a modernización das instalacións de iluminación interiores baseadas en tecnoloxía led. O prazo remata o vindeiro 12 de setembro. Para máis información preme aquí.

A receita do mes

O chef Gerson Iglesias, namorado da súa terra e os seus produtos, amósanos a preparación desta receita cun clásico da nosa gastronomía como protagonista: Polbo grellado, crema de pataca e lactonesa de pemento.  Gerson Iglesias pertence ao grupo Cociña Ourense, un novo proxecto que aúna a 13 reputados cociñeiros que desenvolven o seu traballo nesta provincia.

Preme aquí para acceder a ela.