Feliz 2019!

Os nosos mellores desexos de paz, felicidade, saúde e prosperidade para este 2019 que acabamos de estrear. Como cada ano, queremos agradecervos a confianza depositada no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

De parte de todas as persoas que traballamos neste proxecto, que teñades unha Boa Singradura!


Gañadora do sorteo dos 10.000 fans

En novembro celebramos que xa son 10.000 as persoas seguidoras en facebook, sorteando un menú degustación nun restaurante adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. A afortunada gañadora foi Aranza López Haz, que o desfrutará acompañada da persoa que elixa.

Parabéns á premiada e moitas grazas a todos/as pola vosa participación.

Chega a tempada de lampreas

O 2 de xaneiro comezou a pesca da lamprea. Coñecida como a raíña do río, esta especie eurihalina habita nos ríos galegos desde hai máis de 500 millóns de anos. Pódese atopar certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? na Lonxa de A Guarda, na empresa Novás y Mar Especialidades, S.L. que distribúe a lamprea en fresco e en Conservas y Ahumados Luso Galaicos, S.L., que elabora lamprea certificada en conserva.

Captura de crustáceos 2019

Publicados os períodos autorizados en 2019  para a captura de crustáceos. A nécora e o santiaguiño deixarán de poder ser capturados o 5 de xaneiro, abrindo de novo o 1 de xullo e o 1 de outubro respectivamente, ata fin de ano. A extracción de lagosta poderase realizar entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. O lumbrigante permanece aberto ata o 31 de marzo, para logo pechar ata o 1 de xullo. Cangrexos, conguitos e patulates permanecerán abertos todo o ano.

Plan de Explotación Marisqueira

O 31 de decembro publicouse no DOG o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o 2019, que contén a información sobre os plans de explotación presentados por entidades asociativas do sector, tanto para autorizacións marisqueiras como para zonas de libre marisqueo. Na orde establécese o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice, durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión do recurso.

Recursos Específicos 2019

Aprobados 149 Plans de Xestión de Recursos Específicos para a extracción de percebe, solénidos, equinodermos, peneira, algas, anémones e poliquetos.

O número de plans aprobados en 2019 increméntase en 13 con respecto ao 2018: 5 de anémones, 4 de ourizo, 2 de algas e 2 de solénidos. En conxunto serían 79 novas prazas de recollida a pé e 75 para embarcacións, nas que traballarían 165 tripulantes.

Síndrome do túnel carpiano

A Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social recoñecerá o síndrome del túnel carpiano como enfermidade profesional para mariscadoras/es a pé e redeiras. Trátase dunha afección debida a unha presión excesiva no nervio mediano do pulso, que pode provocar entumecemento, debilidade, dor muscular na man e dedos, entre outros.

Aquí podes ver un artigo publicado no Faro de Vigo.

Nova convocatoria de axudas GALP

Aberto novo prazo de presentación de solicitudes para a concesión de axudas para proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dentro da Unión Europea dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do FEMP 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo. O prazo remata o 1 de marzo. Máis información nas oficinas dos GALP.

Axudas ao sector transformador

Publicada a ORDE do 30 de novembro de 2018, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de investimentos para pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Prazo aberto ata o 28 de xaneiro de 2019.

 

A receita do mes

Durante as II Xornadas de Promoción e Difusión dos Produtos do Mar de Galicia “Do Mar ao Prato”, o chef Javier Rodríguez Ponte “Taki”, amosounos como preparar un salpicón cremoso de centola sobre crema de tomate ao aceite de oliva. Unha receita coa que sorprender aos nosos/as convidados/as que podes consultar premendo aquí.

Fotografía de MARGEN FOTOGRAFIA.