Feliz 2020!

Iniciamos este ano a son de mar, con todo listo para saír con forza rumbo ao 2020 que comeza. De parte de todas as persoas que traballamos neste proxecto, os nosos mellores desexos de paz, felicidade, saúde e prosperidade e, como cada ano, queremos agradecervos a confianza depositada no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Fotografía de Miguel Muñiz.


Resultados do Sorteo de Nadal

Xa temos gañadoras do noso Sorteo de Nadal “A nosa fala mariñeira”. As afortunadas son Pastora Lago Castro, que compartiu na nosa páxina de facebook o dito mariñeiro «Vai cheo como unha nécora» e María Fontán en instagram, co dito «Donde manda patrón non manda mariñeiro». Parabéns!!

Ambas recibiron un lote de conservas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Entidades usuarias e adheridas

No 2019 seguimos medrando. Na actualidade son xa 118 as entidades usuarias da marca: 41 lonxas ou centros de primeira venta, 27 depuradoras e cetarias, 26 empresas de distribución e 24 empresas transformadoras. En relación ás entidades adheridas, suman un total de 304: 110  restaurantes, 182 peixerías e 12 tendas on line. Premendo aquí podes ver o listado completo e na seguinte ligazón a evolución desde o seu inicio no ano 2008. Grazas a todos/as polo voso compromiso.

Vedas de crustáceos

O día 6 de xaneiro toca despedirnos das nécoras, xa que ese día comeza o seu período de veda, que non rematará ata o vindeiro 1 de xullo. Tamén o día 6, comeza a veda do santiaguiño, crustáceo que tan só pode ser capturado os últimos tres meses do ano.

En canto ás aperturas, a partires do día 1 deste mes, e ata o 30 de setembro, a lagosta regresa ás lonxas, tras finalizar o seu periodo de veda.

Inicios de campaña

O 2 de xaneiro comeza a campaña da lamprea.  A lamprea é una especie eurihalina, é dicir, que pasa parte do seu ciclo de vida no río e outra parte no mar. Podemos atopala certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? procedente da lonxa de A Guarda.

Por outra banda, o pasado 27 de decembro, a Confraría de Pescadores de Bueu, comezou a campaña da vieira, na cal participan cinco embarcacións.

Galicia, desde o mar

A Consellería do Mar presentou en Bruxelas o vídeo Galicia, desde o mar (Galicia, by the sea), que conta coa participación de profesionais do sector pesqueiro galego que relatan o seu día a día e amosan o que para eles significa traballar no mar. O seu obxectivo é dar a coñecer ao executivo comunitario a realidade do sector e que ésta sexa tida en conta á hora de tomar medidas relacionadas coa xestión pesqueira. Preme aquí para ver o vídeo.

Julia’s story (the FARNET channel)

Julia Haz, presidenta da Agrupación de Mariscadoras Esteiro do Río Anllóns, protagoniza o vídeo elaborado por FARNET, no que explica o seu traballo e a evolución e dignificación do mesmo nos últimos anos. Preme aquí para velo.

O principal recurso explotado por esta agrupación, formada por 30 mariscadoras/es, é o berberecho, cunha cota de 25 quilos diarios, que extraen na enseada do río Anllóns.

Elas son a forza do Nadal

A Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), puxo en marcha a campaña Elas son a forza do Nadal, co obxectivo de visibilizar a contribución das mulleres a un sector tan estratéxico na provincia de Pontevedra como é o pesqueiro.

Os vídeos da campaña están dispoñibles na súa canle de youtube. Premendo aquí podes acceder ao protagonizado por Marta, da Peixería Mar de Arousa, en Vilagarcía, no que fala da importancia do etiquetado.

Recursos marisqueiros e algas

Publicado o DECRETO 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, coa finalidade de garantir unha xestión sustentable dos recursos marisqueiros e das algas tendo en conta aspectos ambientais, económicos, sociais e de emprego. As actividades realizaranse ao abeiro de plans de xestión ou en zonas de libre marisqueo no marco do Plan Xeral de Explotación Marisqueira para recursos xerais. Como novidade, os plans poderán incluir actividades de turismo mariñeiro realizadas por mariscadoras/es.

Certificacións

En decembro, a empresa Porto de Cambados, S.L., certificada para bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos e peixes, superou a auditoría de renovación de certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Porto de Cambados, S.L. distribúe peixes e mariscos procedentes principalmente da Lonxa de Cambados, sendo a súa actividade principal a comercialización de vieira da Ría de Arousa eviscerada, fresca ou conxelada, con todas as garantías sanitarias.

Xantar 2020

En virtude da colaboración da Consellería do Mar con XANTAR “Salón Internacional de Turismo Gastronómico”, ponse a disposición das empresas comercializadoras de produtos do mar de calidade, a posibilidade de contar cun stand de 6 metros cadrados fronte ao stand institucional da Consellería do Mar a un prezo reducido.

Para máis información contactar coa organización do evento a través do teléfono 988 366 030 ou no correo electrónico marketing@expourense.org.

Recolector/a de recursos específicos

Resolución do 9 de decembro de 2019 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se convoca un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura  (IGAFA) na Illa de Arousa.

O curso terá lugar do 17 de febreiro ao 24 de marzo de 2020, e están convocadas 12 prazas. Prazo de matrícula aberto ata o vindeiro 13 de xaneiro de 2020. Previo á realización do curso, será preciso superar as probas físicas indicadas na Resolución.

A receita do mes

A nosa proposta para este mes combina dous mariscos en plena tempada: Canelón de centola e bechamel de ourizos de mar.

A receita foi elaborada polo cociñeiro Javier Rodríguez Ponte «Taki», e forma parte do recetario editado pola Xunta de Galicia Do Mar ao Prato, que contén as preparacións elaboradas por cinco chefs durante as II Xornadas de Promoción e Difusión de Produtos do Mar de Galicia.

Preme aquí para acceder a ela.