Resultados do Sorteo de Marzo

Xa temos o resultado do Sorteo de Marzo de facebook de cinco visitas guiadas para dúas persoas para coñecer o mundo da pesca artesanal visitando un porto, unha lonxa e unha empresa certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Os/as afortunados/as foron María Núñez, Coco Liso, Mario Garea Pérez, Sonia Bascoy Canosa e Ana Quinteiro. Parabéns e agardamos que sexa unha bonita experiencia.


Próximas feiras alimentarias

Durante o mes de abril, varias empresas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, asistirán a dúas importantes feiras de produtos alimentarios, nas que a Consellería do Mar contará cun stand dando así visibilidade aos produtos galegos de calidade. Estaremos na Feira de Alimentación, Bebidas e Gastronomía de Barcelona Alimentaria 2018,  e tamén en Bruxelas na SeafoodExpoGlobal.

Visitas das escolas de hostalería

En marzo sete centros de hostalaría participaron no programa Do Mar ao Prato para coñecer a orixe dos produtos pesqueiros e marisqueiros: O CIFP Compostela e o CIFP Carlos Oroza estiveron en Cambados, o IES Fragas do Eume e a Escola de Especialidades da Estación Naval de A Graña en Cedeira, o CIFP Paseo das Pontes en Fisterra e o CIFP Manuel Antonio e a Escola de Cociña Harina Blanca en Cangas. Preme aquí para ver un vídeo.

Degustación en Arcade

Os pasados 31 de marzo e 1 de Abril tivo lugar a Xornada Do Mar ao Prato en Arcade. Moitas persoas se achegaron a degustar no peirao os excelentes produtos da lonxa certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde senon?.

Ameixas á mariñeira, chocos á feira, espeto de anguía e quisquilla crocante foron os pratos dos que desfrutaron os asistentes. Aquí vos deixamos un vídeo da xornada.

Produtos certificados en Xapón

As croquetas de polbo de Yatecomeré, certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, viaxaron a Tokio para asistir á 43º edición de Foodex Japan, unha das feiras agroalimentarias máis grandes do mundo. Yatecomeré é un obradoiro de produtos gastronómicos cociñados que distribúe principalmente ao canal HORECA. As mellores materias primas e unha coidada elaboración son o seu selo de identidade.

Despedímonos do Lumbrigante

Dende o pasado 31 de marzo e ata o 1 de xullo está prohibida a extracción do lumbrigante en augas do litoral galego. Este crustáceo é o de maior tamaño do litoral europeo e en Galicia captúrase normalmente con nasas. Sabías que nalgunhas zonas estanse a facer repoboacións desta especie con exemplares criados en catividade? Preme aquí para ver un artigo sobre o tema.

Novas adhesións á marca

Durante este mes adheríronse á marca pescadeRías, ¿de onde se non? os puntos de venda Pescados As Rianxeiras, na Praza de abastos de Santiago, Pescados A Montañesa na Praza de Abastos de Rianxo e a peixería Pescados Curota, nesta mesma localidade. Así mesmo, o restaurante A Taberna de O Trasno, en Cambados, tamén pasou a formar parte da nosa familia.  Benvidos!

Ordenación pesqueira

Publicadas sendas resolucións da Secretaría Xeral de Pesca, polas que se establecen disposicións adicionais de ordenación da pesquería do xurelo (Trachurus spp) para os buques de cerco con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e de ordenación da pesquería da merluza (Merluccius merluccius) das zonas VIIIc e IXa para os buques da frota de artes menores do Cantábrico e Noroeste.

Actividades formativas

En marzo recibiu formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos o persoal da lonxa de Lira, certificada polo selo pescadeRías, ¿e onde se non? para a venda de bivalvos, cefalópodos, gasterópodos, crustáceos e equinodermos.

Tamén se formou nestas materias ao persoal da depuradora Mariscos del Ortegal en A Coruña, certificada para bivalvos.

A receita do mes

O gastrobar O Birrán, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, está ubicado na fermosa Praza da Madalena de Ribadavia. Na súa carta aposta por unha cociña tradicional renovada e con produtos de calidade. A súa chef, Emma Pinal, comparte con nós esta receita de raia a baixa temperatura co seu caldo, pan de cea e tartar de algas, que agardamos que sexa de voso agrado. Preme aquí.