Estreamos canal pescadeRías en Youtube

Acabamos de crear o canal da marca pescadeRías, ¿de onde se non? en Youtube, no que xa se poden ver os primeiros vídeos dispoñibles. Neste canal teñen cabida reportaxes sobre a captura e explotación dos produtos da pesca artesanal galega e o marisqueo co selo de calidade pescadeRías, a súa venda e transformación, eventos promocionais, empresas certificadas, restaurantes e peixerías e toda información que nos axude a visibilizar os produtos da marca. Iremos incorporando os audiovisuais que se foron publicando na web e nas redes sociais ata o momento, e solicitamos a colaboración de todos os axentes certificados e adheridos á marca: enviádenos os vosos vídeos, amosádenos os vosos produtos e como o selo pescadeRías vos axuda a garantir a súa frescura, calidade e trazabilidade. Podedes consultarnos a través do correo-e pescaderiasdeondesenon.cmrm@xunta.gal. Preme aquí para acceder ao Canal pescadeRías en Youtube.


Festa do polbo de Bueu

A Festa do Polbo de Bueu celebrarase do 11 ao 13 de agosto. De novo, a marca pescadeRías, en colaboración co Concello de Bueu, impartirá un obradoiro para dar a coñecer os produtos da pesca artesanal e, especialmente, o polbo.  Celebrarase o día 10 de agosto na planta superior da praza de abastos e incluirá unha visita guiada á praza e unha degustación guiada.  A actividade é gratuita previa inscrición no 986 32 43 38 ou no correo-e silvia@concellodebueu.org.

Descarga o cartel aquí.

Feiras Consellería do Mar 2018

A Consellería do Mar está a programar as actividades de promoción de produtos do mar e asistencia a feiras de carácter nacional e internacional durante o 2018. Neste momento está aberta a convocatoria para as empresas interesadas en asistir como coexpositores ou ben a través das actividades previstas nos centros de negocios; pode descargar aquí a información sobre as feiras programadas, modalidades de participación, modelo e procedemento de solicitude e custos.  

Mercado do Mar 2018

Os días 23 e 24 de setembro celebrarase en A Coruña o Mercado do Mar, dentro das actividades da IV Edición do Festival Mar de Mares.  A marca pescadeRías estará presente cun punto de información e un obradoiro sobre os produtos da pesca artesanal galega. A convocatoria está aberta para as empresas que queiran participar cun punto de exposición e/ou venda dos seus produtos. Os expositores tamén poderán realizar presentacións, degustacións ou obradoiros. Información sobre o evento aquí e tarifas de aluguer de mobiliario aquí.

A parábola da abundancia

Ata o 24 de setembro está dispoñible no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, a exposición «A parábola da Abundancia», de Terry Berkowitz e Francesc Torres, centrada no marisqueo a pé na Costa da Morte e nas Rías Baixas. Durante a inauguración do evento, o 6 de xullo, serviuse unha degustación con produtos certificados: cebiche de berberechos, xoubiñas en tempura con mahonesa, empanada de xurelos e wakame e tosta de polbo con queixo San Simón da Costa.

Artesanía no prato, con pescadeRías

Do 7 ao 9 de xullo estivemos nos Pendellos de Agolada, en pleno corazón da artesanía. Os produtos certificados pescadeRías foron servidos en preciosas pezas de artesanía nas degustacións do programa Artesanía no Prato, que se levaron a cabo con motivo do VI Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. As preparacións correron a cargo de Lucía Freitas Rodriguez e Javier Rodríguez Ponte “Taky”.

Fotografía de César Martínez.

De Tapas x Galicia

Miguel González Quintela é o autor da mellor tapa de Galicia, segundo o xurado profesional do Concurso de Tapas x Galicia 2017, organizado por Turismo de Galicia. O chef do Restaurante Gastro-Bar Sanmiguel de Ourense, recentemente adherido a pescadeRías, gañou o concurso co prato Vieira de Outono. Dentro dos 10 cociñeiros finalistas están Rubén González e Sergio Orge, de El Cafetín, e Álvaro Villasante do Restaurante Paprica, establecementos tamén adheridos ao selo pescadeRías. Parabéns a todos eles!

Polbo certificado no Corte Inglés

Currimar Conservas Tradicionales, empresa certificada para a transformación de polbo, vén de presentar os seus produtos no Club do Gourmet de El Corte Inglés. Durante a segunda quincena de xullo estiveron nos centros de Marineda, en A Coruña, e en Santiago de Compostela, ofrecendo degustacións dos seus produtos. Do 4 ao 6 de agosto estarán en Produart, Feira dos Produtos Artesanais e Ecolóxicos de Burela.

Celebrouse a Festa da Vieira

Un ano máis, celebrouse en xullo a Festa de Exaltación da Vieira en Cambados, organizada por Porto de Cambados S.L., coa colaboración da Confraría de Cambados e a Consellería do Mar, entre outras entidades. A cociñeira Beatriz Sotelo foi a responsable das elaboracións culinarias, mentres que nos showcooking participaron tamén Leonor Costiña e Inés Abril. No seguinte vídeo podes ver un resume do evento.

Degustación popular en Lira

A Confraría de Lira organizou o pasado 29 de xullo unha degustación de produtos procedentes da Reserva Mariña Os Miñarzos. Non faltaron os produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non? como o polbo, berberechos ou longueiróns. Os socios e socias puxéronse á fronte dos fogóns e dérono todo para preparar os produtos ao xeito tradicional e servilos. As probas, no seguinte vídeo.

Documental Percebeiras de Baiona

As irmás González, percebeiras da Cofradía de Pescadores de Baiona», protagonizan o microdocumental de Great Big Story  «Desafiando ás mareas para coller percebes na costa rochosa de España» («Braving the Tides for Goose Barnacles on Spain’s Rocky Coast») Esta compañía dedícase a narrar historias inspiradoras de persoas de todo o planeta e escolleu a explotación de percebe como exemplo de superación e xeito de vida. O produto estrela desta confraría, o percebe, comercialízase baixo o selo pescadeRías, así como as algas, gasterópodos, antozoos, peixes, bivalvos e outros crustáceos. Preme aquí para ver o vídeo.

Novo axente: Ría de Arosa S. Coop.

Damos a benvida á Cooperativa Ría de Arosa, que vén de certificarse como centro de primeira venda e depuración de bivalvos. A cooperativa, ubicada en Abanqueiro (Boiro), está formada por máis de 400 persoas socias, que capturan bivalvos a pé ou desde embarcación. Conta cun criadeiro de moluscos desde o ano 1997, onde produce semente de ameixa babosa, xapónica, fina e ostra. Ademais do selo pescadeRías, posúen tamén a certificación de MSC que recoñece a xestión sustentable dos bancos de ameixas e berberechos que traballa a cooperativa. Parabéns!

Renovacións e ampliacións

Durante o mes de xullo renovaron a súa certificación a Confraría de Pontedeume, para primeira venda de bivalvos, a Confraría de Cambados, para primeira venda de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixes; a Confraría de Lira, que renovou a certificación para cefalópodos e crustáceos, e ampliou a bivalvos, gasterópodos e equinodermos; a Confraría de Fisterra, que incorporou as algas e a Confraría de Baiona, que incorporou algas, antozoos e gasterópodos; e Conservas Pérez Lafuente, que renovou a certificación para a transformación de bivalvos, crustáceos, equinodermos, algas e peixes. Parabéns a todos estes axentes!

Novo punto de venda en Fisterra

Damos a benvida a Peixes e Mariscos Fin da Terra, que se acaba de adherir á marca pescadeRías, ¿de onde se non? O establecemento ubícase na Praza de Abastos de Fisterra e comercializa peixes e mariscos procedentes da flota artesanal galega. Para máis información, visita o seu perfil de Facebook.

Lembra que podes consultar as empresas certificadas, distribuidores, puntos de venda e restaurantes adheridos á marca na nosa web. Preme aquí.

Sorteo en Facebook

Está aberta a participación para o vindeiro sorteo na nosa páxina de Facebook. Nesta ocasión, queremos dar a oportunidade de coñecer de preto as actividades en torno á pesca artesanal.  Sorteamos entre os nosos fans unha visita guiada para dúas persoas aos bancos marisqueiros, porto e lonxa e un lote de produtos promocionais da marca: bolsa da compra, mandil, libreta de notas e bolígrafo. Non deixedes de participar na nosa páxina de Facebook e de compartila coas vosas amizades.

Receita do mes

Este mes, aproveitando a apertura da veda do polbo, homenaxeamos a este produto estrela das nosas rías, un dos favoritos das terrazas de verán. A receita chéganos desde o Restaurante Centoleira, na praia de Beluso (Bueu), un referente en mariscos e peixes capturados pola flota artesanal: polbo á prancha con alioli, un prato sinxelo, sabroso e moi saudable. Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.