Encontros de Negocios

Do 8 ao 11 de xuño celebrarase a 21ª edición do Salón da Alimentación do Atlántico SALIMAT-ABANCA en Silleda, onde a marca pescadeRías estará presente no stand da Xunta de Galicia.  A organización de Salimat habilitará un espazo de negocios onde as empresas expositoras poderán levar a cabo encontros con distribuidoras nacionais e internacionais de produtos alimentarios. O prazo para inscribirse como expositor está aberto ata o 21 de abril. Máis información sobre o evento e contacto aquí. Folla de inscrición aquí.

Seguimos coa campaña nas prazas

A campaña promocional de peixes e mariscos certificados pescadeRías continúa nas prazas de abastos de Santiago de Compostela, Cambados, Portonovo, Bueu, Sanxenxo, A Guarda, Pontevedra e Cee. Con cada compra de produtos certificados recibirás un boleto para participar nun sorteo que se celebrará os días 7 e 8 de abril. Poderás conseguir vales de compra de peixe e lotes de material promocional para ir á compra e cociñar: bolsas da compra, mandiles, manoplas de cociña, libretas de notas… consulta aquí as bases.

Peche da campaña do ourizo

A Confraría de Pescadores de Aguiño e a Confraría de Pescadores La Anunciada de Baiona, ámbalas dúas certificadas por pescadeRías ¿de onde se non?, xestionan as lonxas onde se comercializou un maior volume de ourizo de mar na campaña que está a piques de rematar.  Lembra que, ademais de fresco, podes adquirir ourizo en conserva con garantía de orixe e calidade, consulta aquí os produtos certificados comercializados por conserveiras galegas. Máis información no artigo publicado por La Voz de Galicia o pasado 20 de marzo.

Semanas do Mar de Ourense

Do 3 ao 21 de abril celebraranse as Semanas do Mar na aula municipal de cociña de Ourense, un achegamento aos produtos da pesca artesanal galega, con actividades dirixidas a consumidores, restauradores, comercializadores, familias e público escolar.  O luns 3 e 17 haberá unha charla coloquio dirixida ao canal HORECA e profesionais de peixería, sobre manipulación de peixe; os martes 4 e 17, obradoiros para consumidores e de mércores a venres, actividades para escolares. Descarga aquí o programa de actividades.

pescadeRías no Salón de Gourmets

Do 24 ao 27 de abril estaremos no Salón de Gourmets, en Madrid, onde nos acompañarán como coexpositores catro empresas certificadas: Conservas La BrújulaRamón Peña, Currimar Conservas Tradicionais, Portomuiños e Conservera Gallega, ademais do stand do GALP Ría de Vigo-A Guarda, onde se agrupan as confrarías de A Guarda, Baiona, Redondela, Arcade, Vigo, Moaña, Vilaboa, Cangas e Aldán-Hío, todas elas certificadas pescadeRías.

Xornadas do Mar de Cangas

A Asociación de Restauradores de Cangas-ARECA organiza as II Xornadas do Mar, o primeiro e segundo fin de semana de abril. No ámbito destas xornadas, o equipo técnico de pescadeRías colaborará na impartición dun Obradoiro de Pesca Sostible, xunto con Juan Souto, do Restaurante A Curva e Gustavo Soliño de Pandemillo Taberna Galega. O obradoiro celebrarase o xoves día 6, ás 11:00 no primeiro andar da praza de abastos de Cangas. Entrada libre. Descarga aquí o cartel do obradoiro e aquí o cartel cos restaurantes que participan nas xornadas.

Vive a Lonxa en Baiona

Do 13 ao 15 de abril a Confraría La Anunciada de Baiona organizará as III Xornadas Divulgativas Gastronómicas Vive a Lonxa, protagonizadas por peixes e mariscos capturados pola flota artesanal deste porto. Na programación de actividades contan coa recreación de escenas mariñeiras, como a poxa pública ou o asado de ourizos; un acuario onde poderemos observar peixes e mariscos da zona; obradoiros artesanais para familias e postos de exhibición e venda de artesanía.

Recertificacións e ampliacións

Durante o mes de marzo renovaron a súa certificación as lonxas de Baiona e Fisterra, certificadas para bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes; Mariscos Cordal e Mariscos de Barallobre, depuradoras de bivalvos; a conserveira Jelopa SL, para bivalvos e equinodermos, e Conservas La Brújula para bivalvos, equinodermos, crustáceos e peixes. Ademais, Frigoríficos Rosa de los Vientos ampliou a súa certificación como transformador de cefalópodos a distribuidor de bivalvos e cefalópodos.

Hotel Semáforo de Fisterra

Damos a benvida a un novo establecemento adherido á marca pescadeRías: o Hotel Semáforo de Fisterra. Despois dunha reforma no ano 2016, o hotel reabriu as súas portas para ofrecer, xunto co aloxamento nun espazo tan singular, servizo de restaurante a base de peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal galega. O restaurante aposta polo produto local e de tempada, e está adherido tamén a Km0 Mar Galaica, o selo de produtos locais da pesca  impulsado polo GALP Costa Sostible.

Xornadas gastronómicas en Arcade

Con motivo da XXXI edición da Festa da Ostra, a Confraría Virxe do Carme de Arcade organizou unhas xornadas gastronómicas protagonizadas por produtos certificados pescadeRías: anguía, choco e ameixas. Espeto de anguía en tempura, empanada tradicional de choco, ensalada de anguía afumada, ameixas á tixola e ameixas ao coitelo foron os platos elaborados polos chefs Rebeca Moares, Pilar Martí, Fran Sotelino, Miguel Mosteiro e Manuel Garea. Podes ver un vídeo-resume do evento aquí.