Así foi o Fórum Gastronómico 2017

Do 12 ao 14 de marzo celebrouse en A Coruña o Fórum Gastronómico. Polo stand da Xunta de Galicia pasaron profesionais da restauración, comercializadores de produtos do mar, profesorado e alumnado de hostelaría, empresas transformadoras, bloggers gastronómicos e consumidores interesados en coñecer os produtos da pesca artesanal galega. Ademais, sete empresas certificadas participaron como expositores. Podes ver un resumen das actividades da marca pescadeRías ¿de onde se non? neste vídeo.

Marisqueo en Comando Actualidad

O programa Comando Actualidad de RTVE emitiu o 28 de marzo unha reportaxe sobre o marisqueo na Ría de Noia e a extracción de navallas a mergullo en Esteiro, baixo o título Hortas do Mar. O programa amosa como se marisquea a pé e desde embarcación, e descubre un dos mellores manxares da nosa gastronomía: a empanada de millo de berberechos. Podes ver aquí o programa completo; do minuto 15 ao 27 e medio, marisqueo en Noia; a partir do minuto 41, navallas a mergullo en Esteiro.

Actividades formativas

Seguimos dando a coñecer a pesca artesanal galega e a certificación pescadeRías nos centros de formación en hostalería, dentro do programa «Do mar ao prato». En marzo visitamos a Escola de Hostalería Harina Blanca e o CIFP Manuel Antonio, ámbolos dous centros en Vigo; o Centro Superior de Hostalería de Galicia, en Santiago de Compostela, e o IES Fraga do Eume, en Pontedeume. Agradecemos a alumnado e profesorado o interese pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?

Resultados Sorteo en Facebook

No sorteo do mes de marzo, as persoas agraciadas foron Montse Meijide Vilariño, Maricarmen Castro Vázquez e María Guitián Vicente. Recibirán un lote de produtos promocionais da marca pescadeRías, ¿de onde se non? composto de bolsa da compra, camiseta, mandil, manopla de cociña, libreta de notas e bolígrafo. Parabéns!

En breve publicaremos o vindeiro sorteo na nosa páxina de Facebook. Síguenos!

Receita do mes: Tempo de lamprea

O chef José Manuel Mallón, do Restaurante Casa Barqueiro, en Negreira, ofrécenos esta versión de lamprea a baixa temperatura en guiso de Albariño e allo porro con queixo DOP San Simón da Costa que fará as delicias tanto daquelas persoas que son incondicionais da lamprea como das non iniciadas. Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.