Novo axente: Ría de Arosa S. Coop.

Damos a benvida á Cooperativa Ría de Arosa, que vén de certificarse como centro de primeira venda e depuración de bivalvos. A cooperativa, ubicada en Abanqueiro (Boiro), está formada por máis de 400 persoas socias, que capturan bivalvos a pé ou desde embarcación. Conta cun criadeiro de moluscos desde o ano 1997, onde produce semente de ameixa babosa, xapónica, fina e ostra. Ademais do selo pescadeRías, posúen tamén a certificación de MSC que recoñece a xestión sustentable dos bancos de ameixas e berberechos que traballa a cooperativa. Parabéns!

Renovacións e ampliacións

Durante o mes de xullo renovaron a súa certificación a Confraría de Pontedeume, para primeira venda de bivalvos, a Confraría de Cambados, para primeira venda de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixes; a Confraría de Lira, que renovou a certificación para cefalópodos e crustáceos, e ampliou a bivalvos, gasterópodos e equinodermos; a Confraría de Fisterra, que incorporou as algas e a Confraría de Baiona, que incorporou algas, antozoos e gasterópodos; e Conservas Pérez Lafuente, que renovou a certificación para a transformación de bivalvos, crustáceos, equinodermos, algas e peixes. Parabéns a todos estes axentes!

Novo punto de venda en Fisterra

Damos a benvida a Peixes e Mariscos Fin da Terra, que se acaba de adherir á marca pescadeRías, ¿de onde se non? O establecemento ubícase na Praza de Abastos de Fisterra e comercializa peixes e mariscos procedentes da flota artesanal galega. Para máis información, visita o seu perfil de Facebook.

Lembra que podes consultar as empresas certificadas, distribuidores, puntos de venda e restaurantes adheridos á marca na nosa web. Preme aquí.

Sorteo en Facebook

Está aberta a participación para o vindeiro sorteo na nosa páxina de Facebook. Nesta ocasión, queremos dar a oportunidade de coñecer de preto as actividades en torno á pesca artesanal.  Sorteamos entre os nosos fans unha visita guiada para dúas persoas aos bancos marisqueiros, porto e lonxa e un lote de produtos promocionais da marca: bolsa da compra, mandil, libreta de notas e bolígrafo. Non deixedes de participar na nosa páxina de Facebook e de compartila coas vosas amizades.

Receita do mes

Este mes, aproveitando a apertura da veda do polbo, homenaxeamos a este produto estrela das nosas rías, un dos favoritos das terrazas de verán. A receita chéganos desde o Restaurante Centoleira, na praia de Beluso (Bueu), un referente en mariscos e peixes capturados pola flota artesanal: polbo á prancha con alioli, un prato sinxelo, sabroso e moi saudable. Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.