Presentación da Festa da Raia 2017

O sábado 26 de novembro o Concello de Sanxenxo e a Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo presentaron a vindeira edición da Festa da Raia 2017 que se celebrará os días 29 e 30 de abril. O alumnado do Obradoiro de Hostelaría do Salnés elaborou en directo dous pratos  a base de raia da ría, con exemplares capturados pola flota pesqueira artesanal local coincidindo coa apertura da veda desta especie.

Podes descargar aquí o cartel.

Concurso de Tapas de Lugo 2016

O Restaurante Paprica, adherido a pescadeRías, ¿de onde se non? foi o gañador do XII Concurso de Tapas de Lugo «Xantar de Tapas», coa súa proposta AC-543: Tomate negro de Santiago en diferentes elaboracións con berberechos de Noia ó natural, que tamén gañou na modalidade de tapa ecolóxica Natura Lugo. Esta elaboración representará á cidade de Lugo en distintos eventos de tapas. Parabéns a Álvaro Villasante e a todo o seu equipo!!!!

Imaxe: Concurso de Tapas de Lugo 2016

Formación de axentes certificados

Durante o mes de novembro formouse ao persoal das lonxas de Mugardos, Illa de Arousa, Testal e O Freixo en técnicas de análise de perigos e puntos de control crítico, hixiene alimentaria e manipulación de produtos pesqueiros. Os contidos da formación adaptáronse ás esixencias do manual de xestión de perigos e puntos de control crítico de cada entidade.

Aquelas empresas certificadas que precisen formación para o seu persoal poden solicitalo gratuitamente a través do noso correo-e.

Sorteo de novembro: resultados

En novembro sorteamos no Facebook cinco lotes compostos de libro-receitario de conservas, delantal, manopla e bolsa da compra, entre as persoas que identificaron os dous moluscos da imaxe. As persoas afortunadas foron: Susy Lapido Franco, Ana Quinteiro, Cris Tella, Elena Martínez Bautista e Maixabel LS.  En breve recibirán na súa casa os agasallos. Parabéns!

Atención ao vindeiro sorteo, decembro vén con sorpresas! Síguenos na nosa páxina de Facebook.

A receita do mes

Achégase o Nadal e na nosa mesa non pode faltar a raiña de ría: a vieira. Desde a empresa Porto de Cambados S.L. suxírenos unha orixinal elaboración, de maneira que apreciemos todo o seu sabor natural: Vieira con xugo de cebola tostada e fina lámina de touciño, receita de Javier Olleros, do Restaurante Culler de Pau, en O Grove. Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.