O vindeiro mes, Salimat

Do 8 ao 11 de xuño celebrarase a 21ª Edición do Salón da Alimentación do Atlántico Salimat-ABANCA, en Silleda, onde estaremos presentes co stand institucional da Xunta de Galicia. Aquelas empresas que o desexen aínda están a tempo de solicitar un stand na zona de exhibición de produtos do mar. Ademais, igual que en anos anteriores, está prevista a organización dun evento para bloggers gastronómicos, que coñecerán de primeira man os produtos dos expositores. Para máis información, contacten con salimat@feiragalicia.com.

Fin da campaña nas prazas

Entre o 7 e o 8 de abril rematou a campaña promocional na que participaban as peixeiras e peixeiros adheridos á marca pescadeRías, ¿de onde se non? das prazas de abastos de Santiago de Compostela, Portonovo, Sanxenxo, A Guarda, Cambados, Pontevedra, Bueu e Cee. Podes ver aquí un vídeo con imaxes dos sorteos e da entrega de premios nas distintas localidades. Na imaxe, a Sra. Rosa García, con José María e Sole, de Peixes Aboal e Peixes Sole, na praza de Pontevedra.

pescadeRías na Feira do Libro

O xoves 4 de maio, ás 18:30 h,  Rita Pesqueira, do equipo técnico da marca pescadeRías, ¿de onde se non? participará na mesa redonda «Produtos e cociña de cercanía» que se celebrará na Feira do Libro de Santiago de Compostela, no Paseo Central da Alameda. No debate participarán tamén Conchi Docampo, de Burbullas de Sol, Kike Piñeiro, do Restaurante A Horta do Obradoiro e Fabián Lorenzo e Rafael Brantuas, do CIFP Compostela. Descarga aquí o programa da Feira do Libro.

Misión comercial inversa México-USA

O Clúster Alimentario de Galicia, en colaboración co IGAPE, organiza unha misión comercial inversa os días 8, 9 e 10 de maio de 2017 coa visita a Galicia de varios importadores e distribuidores de produtos alimentarios e bebidas de EEUU e México, algún deles con interese en produtos do mar. O esquema destes encontros consistirá na organización de xuntanzas individuais con compradores convidados. Ademais, poderán organizarse visitas ás fábricas das empresas inscritas. Máis información e inscricións aquí.

En Maio imos a Expomar

Do 25 ao 28 de Maio estaremos na Feira Expomar, que como cada ano se celebrará en Burela. A marca pescadeRías, ¿de onde se non? contará cun stand informativo. Esta á a primeira edición que se celebra desde que Armadores de Burela-ABSA e Conservas Tradicionais Currimar de Xove se certificaron para a primeira venda e transformación de cefalópodos, respectivamente, e ámbalas dúas entidades estarán presentes na feira.

Novos usuarios e recertificacións

En abril certificouse como distribuidora de cefalópodos a empresa Descaexport. A Lonxa de Sada renovou a súa certificación para peixes e cefalópodos, e Portomuiños, para algas e bivalvos. Por outra parte, adheríronse á marca o Restaurante A Centoleira, de Bueu e tres peixerías: Loli Loureiro Mariscos e Peixería Sole, na Praza de Abastos de Pontevedra, e Miguel Ángel Martínez, na Praza de Abastos de Bueu, quen colle o testigo de Fita Cartagena, súa nai, que nos deixa para gozar dunha merecida xubilación.

A vieira, en Gusto Gallego

A vieira protagoniza o número catro da Revista Gusto Gallego, presentado o pasado 26 de abril no Salón de Gourmets. O equipo técnico de pescadeRías estivo alí, onde tivemos ocasión de presenciar unha magnífica posta en escea para a raíña das nosas rías. Neste número colaboran máis de 50 profesionais, entre os que destacan 30 cociñeiros, moitos deles galegos, que teñen este produto como bandeira.

App Non piques, non peques

Xa está dispoñible a aplicación para móbiles «Non piques, non peques”, que nos axudará a identificar de forma sinxela e rápida os tamaños mínimos legais e a mellor época para consumir os peixes e mariscos máis habituais en Galicia.

A aplicación foi desenvolvida pola Consellería do Mar e está dispoñible de xeito gratuito para dispositivos Android, Iphone e Windows Phone.

A captura do polbo con nasas

Pulponor, S. Coop. Galega, empresa certificada pescadeRías, ¿de onde se non? para a distribución de cefalópodos cedeunos unha marabillosa reportaxe fotográfica coa que vos ofrecemos este vídeo explicativo sobre a captura do polbo en Galicia. Pulponor, S. Coop. Galega é distribuidor exclusivo de Polbo de Lonxa, a marca creada polo Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible, que integra ás confrarías de Fisterra, Corcubión, Lira, Muros e Porto do Son.

Aforo completo nas Semanas do Mar

Éxito de participación nas Semanas do Mar de Ourense celebradas en abril, con todas as prazas cubertas e máis de 500 participantes. O público adulto tivo oportunidade de participar nos obradoiros impartidos polo equipo técnico de pescadeRías, xunto con chefs de recoñecido prestixio como Emma Pinal, Héctor López, Flavio Morganti e José Manuel Mallón. Tamén se programaron actividades para escolares como visitas á lonxa de Canido e ao Museo do Mar de Vigo, e obradoiros para promover o consumo de produtos do mar.