México coñece pescadeRías

Unha delegación do Goberno Rexional do Estado de Yucatán, en México visitou as instalacións de Frigoríficos Rosa de los Vientos, no Porto de Marín. Ademais de coñecer os procesos produtivos, interesáronse polos sistemas de trazabilidade e etiquetado dos produtos. Por outra parte, empresas certificadas por pescadeRías e importadores de México, Reino Unido, Polonia, Bélxica, Holanda e Portugal participarán nunha misión comercial inversa que se celebrará no marco do Fórum Gastronómico de A Coruña.

Estaremos no Fórum Gastronómico

Do 12 ao 14 de febreiro celébrase o Fórum Gastronómico en A Coruña. Empresas certificadas como Portomuiños, Pulponor, Mariscos Laxe de Rons, Conservas artesanais Curricán, Mariscos del Ortegal, Mariscos de Barallobre, Frigoríficos Rosa de los Vientos acudirán cun stand propio. A Consellería do Mar organiza un programa de catas para dar a coñecer os produtos da pesca artesanal galega.

¡Consúltao aquí e inscríbete!

Estivemos en Xantar Ourense

En febreiro celebrouse o Salón Internacional do Turismo Gastronómico Xantar, en Ourense. Neste vídeo podes ver un resume das actividades protagonizadas polos produtos da pesca artesanal galega na aula de catas da Consellería do Mar. A conserva certificada protagonizou unha das catas, conducida por ANFACO, e estivo presente cun expositor permanente. Tamén recibimos a visita de Carlos Maldonado, gañador de MasterChef 3, que se interesou polas conservas galegas certificadas.

Recertificacións e ampliacións

No mes de febreiro renovaron a súa certificación Mariscos Comesaña, que estaba certificado para para crustáceos, equinodermos e peixes e ampliou a cefalópodos e antozoos. Tamén se recertificaron a Confraría de Bueu para bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes; a Confraría de Aguiño, para bivalvos, crustáceos e equinodermos,  e Cultivos Marinos Vilanova, para bivalvos, equinodermos, gasterópodos e crustáceos.

Vieira na Ría de Pontevedra

En febreiro, nove embarcacións capturaron vieira na Ría de Pontevedra, despois dun parón de casi 20 anos. Cun cupo conxunto de 1.000 quilos por día, a descarga do produto centralizouse na Confraría de Bueu, de onde foi trasladada a Mariscos Veiro, no Porto de Tragove, para a súa evisceración. Toda a producción vai ser comercializada a través de Porto de Cambados, SL.

Podes ver unha reportaxe de Vivir o Mar sobre esta campaña aquí.

Pandomar, na BioFach

A empresa conserveira Antonio Pérez Lafuente asistiu á última edición da Feira Internacional de Produtos Ecolóxicos BioFach celebrada en Núremberg entre o 15 e o 18 de febreiro, onde se reuniron 2819 exhibidores de 88 países, cunha asistencia récord de 50.000 visitantes en catro días. Baixo a marca Pan do Mar, A. Pérez Lafuente elabora conserva sustentable con produto galego,  e está certificado pola marca pescadeRías para a transformación de peixes, bivalvos, crustáceos e equinodermos.

Formación en Centros de Hostelaría

Seguimos impartindo as xornadas técnicas sobre a pesca artesanal galega e a certificación pescadeRías ¿de onde se non? nos Centros de Formación Profesional de Hostelaría de Galicia, dentro do programa de actividades Do Mar ao Prato, organizado pola Consellería do Mar.

En febreiro visitamos o IES San Xillao en Lugo, o IES Vilamarín, o IES de Foz e o CPR Belarmino Fernández Iglesias en Sober.

Novo sorteo no Facebook

Acabamos de poñer en marcha un novo sorteo na nosa páxina de Facebook: tres lotes de produtos para a compra e a cociña, compostos de mandil, manopla de cociña, bolsa da compra, camiseta, libreta e bolígrafo.

Para participar hai que ser seguidor/a da páxina, premer Gústame na publicación e compartila.  O sorteo pecha o 15 de marzo a medianoite. Contamos con vós, ¡moita sorte!

A receita do mes

Noa Seijo, profesora do CPR Belarmino Fernández Iglesias de Sober, achéganos esta elaboración de xarda con aires orientais: Tartar de xarda con mango e sésamo. Unha receita apta para principiantes na cociña, e que nos deixará un sabor de boca moi fresco.
Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.