Evento Gastronómico de Compostela

Entre novembro e xaneiro terá lugar no CC Área Central de Santiago o evento gastronómico Aquí hai tomate, no cal pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente. En novembro participaremos no Concurso Gastronómico Infantil cunha xornada educativa o día 16 e nunha xornada de cociña en directo o día 18. O 23 de decembro, produtos certificados serán protagonistas nun Showcooking Navideño. Aquí podes ver unha vídeo-presentación do evento.

Comezou a campaña do ourizo

Tras cinco meses de parada nas extraccións, voltamos a ter ourizo nos mercados. Durante o mes de outubro, xa se realizaron vendas en 4 das 9 lonxas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de equinodermos.  As primeiras en comezar foron as lonxas de Bueu e Cangas, que xa recibiron capturas o primeiro día do mes, seguidas das lonxas dos pósitos de Baiona e A Guarda.

pescadeRías, de serie!

Os produtos certificados procedentes da pesca artesanal galega estarán presentes na serie VIRADEIRA que se estreará o 5 de novembro na Televisión de Galicia, e que está ambientada no concello costeiro de Mugardos. Nalgúns capítulos veremos cociñar peixes e mariscos certificados.

Aquí vos deixamos un artigo de La Voz de Galicia sobre a súa presentación oficial o pasado luns 30 de outubro.

Cos Gastrobloggers

O 28 de outubro tivo lugar a VII Xuntanza de Blogueiros/as Gastronómicos en O Barco de Valdeorras, con participantes de Galicia, Madrid e Asturias. Nesta ocasión, pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente con peixe e molusco certificado. O xefe de cociña do Hotel Pazo do Castro, Emilio José Álvarez González, foi o encargado da elaboración: pescada de pescadeRías en salsa de azafrán con ameixa babosa.

Exaltación do Berberecho de Noia

A Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, xunto co Concello de Noia celebrarán entre os días 23 e 26 de novembro unha nova edición das xornadas de posta en valor do berberecho de Noia. Está previsto a realización de xornadas técnicas, demostracións de cociña en directo e a presenza de Alberto Chicote que levará a cabo unha clase maxistral. Proximamente informaremos do programa completo.

Regresan a centola e o boi

Conforme a Resolución do 9 de Xuño de 2017 pola que se aproba o Plan de Xestión da Centola e o Boi 2017-2018, a partir do 12 de novembro poderán facerse extraccións de ámbolos dous crustáceos dende A Guarda ata Cabo Estaca de Bares. Entre Cabo Estaca de Bares (incluíndo a Ría de O Barqueiro) ata o Río Eo continúa a veda ata o 3 de decembro. No vindeiro Plan de Xestión 2018-2019, determinarase o comenzo da veda no 2018.

I Xornadas Artesanía no Prato

Os días 1 e 2 de outubro celebráronse as I Xornadas Artesanía no prato no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, organizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Nestas xornadas, os produtos certificados baixo o selo de pescadeRías estiveron presentes nas elaboracións presentadas polos cociñeiros Pepe Solla, Juan Crujeiras e Lucía Freitas. Ademais, as conservas certificadas protagonizaron a sesión “Artesanía na Lata” da man dos cociñeiros Jorge Gago, Álvaro Fuentes e Diego López “Moli”. Preme aquí para ver as imaxes do evento.

Formacion a axentes certificados

Un dos requisitos esixidos pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?, é a axeitada formación de todo o persoal manipulador dos produtos certificados.

O equipo técnico de pescadeRías continúa impartindo formación en materia de Manipulación de Produtos Pesqueiros e Sistemas de Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico (APPCC). As entidades que recibiron formación nestas materias foron o persoal de Conservera Gallega, as mariscadoras, mariscadores e persoal técnico da Agrupación de Mariscadoras Río Anllons e o persoal de lonxa da Confraría de Pescadores de Pontedeume.

Recertificacións

Durante o mes de outubro renovaron a súa certificación a Lonxa de Cangas e a Lonxa de Baixura de Vigo.  A Lonxa de Cangas comercializa baixo o noso selo bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, peixe, crustáceos,  algas, equinodermos e antozoos. É unha das poucas lonxas certificadas nas que se poden adquirir estes últimos, de recente explotación en Galicia. Tamén realiza etiquetado individual en moitos exemplares de peixe. A Lonxa de Baixura de Vigo pola súa banda, comercializa cefalópodos, peixe e crustáceos. Na lonxa de Vigo tamén se comercializa peixe e marisco procedente doutras lonxas da contorna.

Entrega dos I Premios Economía Azul

O 27 de outubro tivo lugar a entrega dos I Premios Economía Azul que recoñecen aos mellores proxectos de desenvolvemento sustentable nas zonas costeiras, aos que optaban varias entidades certificadas polo noso selo. Parabéns aos premiados, en especial ás iniciativas Mellora da Gobernanza da Xestión Pesqueira Artesanal no ámbito do Parque Nacional Illas Atlánticas, Empendemar e Xestión das algas recollidas nas accións de limpeza e mantemento dos bancos marisqueiros.