Un paseo por Salimat 2017

Do 8 ao 11 de xuño estivemos no Salón da Alimentación do Atlántico SALIMAT-ABANCA, dando a coñecer os produtos da pesca artesanal galega. As demostracións de cociña en directo e os obradoiros tiveron unha fantástica acollida por parte do público, que se achegou a produtos pouco habituais nos menús das nosas casas, e a elaboracións diferentes dos peixes e mariscos máis coñecidos. Podes ver aquí un vídeo resume do evento.

Novas especies certificables

Durante os últimos meses, o equipo de xestión da marca pescadeRías, ¿de onde se non? estivo traballando na ampliación do listado de especies certificables baixo este selo de calidade. Como resultado deste traballo, incorporáronse á marca 21 novas especies, coa seguinte distribución por grupos biolóxicos: once especies de peixes; catro de equinodermos, dous crustáceos, dous bivalvos, un cefalópodo e un antozoo. Consulta aquí o listado completo de especies certificables.

No Corazón da Artesanía Galega

Do 7 ao 9 de xullo, os produtos certificados da marca pescadeRías ¿de onde se non? serán protagonistas nas demostracións de cociña que terán lugar nos Pendellos de Agolada, con ocasión do VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Como mestres de cerimonias, Javier Rodríguez Ponte «Taky», Diego López «Moli», Héctor López, Jorge Gago, e Lucía Freitas, que deleitarán ao público coas súas creacións. Consulta aquí o programa e inscríbete!

Vigo Seafest

Do 7 ao 9 de xullo, a marca pescadeRías ¿de onde se non? contará cun stand informativo no Vigo Seafest, que se celebrará en Vigo, organizado por ARVI. Neste stand, o público poderá coñecer as características dos produtos da pesca artesanal galega: especies e artes coas que se capturan, tempada de consumo, tallas mínimas, sistemas de trazabilidade e, como non, información sobre a marca pescadeRías como garantía de orixe e frescura. Toda a información en:  https://www.vigoseafest.com

Festa da vieira

Do 14 ao 16 de xullo celebrarase en Cambados a Festa da Vieira, organizada por Porto de Cambados SL, coa colaboración da Confraría de Cambados e a Consellería do Mar, entre outras entidades. As xornadas de degustación, protagonizadas por vieira certificada, levaranse a cabo baixo a batuta de Beatriz Sotelo, coa colaboración de Inés Abril e Leonor Costiña. A festa está declarada de Interese Turístico Galego. Descarga aquí o cartel.

Festa do longueirón vello

A confraría de Redondela celebrou a II Festa de Exaltación do Longueirón Vello con grande éxito de participación. Os socios e socias da entidade, así como o persoal técnico, participaron tanto na organización do evento como na elaboración dos pratos. O produto púidose degustar á prancha, en salsa, con arroz e en empanada de trigo e millo. Dada a demanda da pasada edición, nesta ocasión duplicouse o produto posto á venda, todo un éxito!

Obradoiro Técnicas de corte

Durante a última edición do Salón da Alimentación do Atlántico-SALIMAT, a marca pescadeRías ¿de onde se non? organizou un obradoiro de técnicas de corte de peixes. Nel participaron unha quincena de gastrobloggers que puideron coñecer, da man da cociñeira Lucía Freitas, os mellores cortes para sacarlle o máximo partido tanto aos peixes planos como aos cilíndricos. Seguro que nos vindeiros meses veremos como aplican esas técnicas nos seus pratos!

Novos usuarios

En xuño incorporáronse á marca pescadeRías ¿de onde se non? dous novos usuarios: O percebeiro, con sede no Porto de Marín, que se certifica para a comercialización de moluscos bivalvos e equinodermos; tamén conta con tenda on line (http://opercebeiro.com/) e Mariscos Inés, en Redondela, depuradora de mariscos que comercializará bivalvos, equinodermos e gasterópodos baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?

Parabéns!

Benvida ao Restaurante Manso

Damos a benvida ao Restaurante Manso, ubicado en Santiago de Compostela, que se incorpora como restaurante adherido á marca pescadeRías, ¿de onde se non?

Na súa proposta culinaria, o cociñeiro Alberto Lareo aposta pola innovación, pola búsqueda de novos sabores e novas sensacións. O obxectivo: ofrecer unha cociña sorprendente e sinxela, para saborear e gozar. Nela, os produtos da pesca artesanal galega brillan ao máximo.

A Confraría de Cambados, centenaria

Felicitamos á Confraría de pescadores San Antonio de Cambados, que vén de celebrar o centenario da súa fundación cun programa de actos nos que se deu a coñecer a historia da entidade, os logros acadados nestes cen anos e os retos futuros.

Fundada no ano 1917, a Confraría de Cambados é a máis antiga de España, e unha das primeiras en apostar pola comercialización dos produtos do mar baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?