Cita con AECOC en Baiona

O 6 e o 7 de xuño, AECOC organiza o 18º Congreso de Produtos do Mar en Baiona. Alí daranse cita os responsables da produción, comercialización, distribución e transformación de produtos do mar e exporanse os últimos avances e tendencias na cadea de comercialización e distribución, tanto para produtos frescos como conxelados e transformados. Un ano máis, a marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no congreso.

Descarga aquí o programa completo do congreso.

Ás portas de SALIMAT

Do 8 ao 11 de xuño estaremos no Salón da Alimentación do Atlántico SALIMAT-ABANCA, coa aula de catas, presentacións no centro de negocios, e cunha demostración de corte e presentación de peixe branco e azul dirixida a bloggers gastronómicos. Na aula de catas, as demostracións correrán a cargo de Inés Abril (Restaurante Maruja Limón), Ana Portals (Restaurante Solleiros), Lucía Freitas (A Tafona), Siro González (Restaurante Siro), Rubén González (El Cafetín), Alberto Lareo (Restaurante Manso), Fran Sotelino (Blue Moon Catering) e José Manuel Mallón (Casa Barqueiro). Descarga aquí o programa.

Estivemos en Expomar

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? participou na última edición da feira Expomar que se celebrou en Burela entre o 25 e o 28 de maio. Ademais do stand informativo da Consellería do Mar, con información dispoñible sobre a marca, dúas empresas certificadas cobraron protagonismo durante a feira: Conservas Tradicionais Currimar, que acudiu coas súas elaboracións de polbo certificado, e Armadores de Burela-ABSA, que certificou a finais do ano pasado as capturas de cefalópodos procedentes da súa flota artesanal e contou cun stand propio na feira.

Novos usuarios e recertificacións

En maio pasaron a auditoría de certificación como novos usuarios da marca o distribuidor Pescados Julio, certificado para cefalópodos, e Yatecomeré, empresa de transformación certificada tamén para cefalópodos. Ademais, renovaron a súa certificación: Pulponor, S. Coop. Galega, como distribuidor de cefalópodos, Mariscos Daporta, para bivalvos e equinodermos; a Lonxa da Illa de Arousa, para a primeira venda de bivalvos e algas; Mariscos Comesaña, como distribuidor de crustáceos, equinodermos e peixe, e Conservera Gallega, como transformadora de bivalvos, cefalópodos e peixe.

Novos restaurantes adheridos

Durante o mes de maio adheríronse á marca pescadeRías, ¿de onde se non? catro restaurantes que empregan produto certificado procedente da pesca artesanal galega nas súas elaboracións: o Restaurante A Centoleira de Beluso, Bueu; o Restaurante Siro, de Santiago de Compostela; o Restaurante La Viuda, de Pobra de Trives e o Restaurante-Gastrobar Sanmiguel de Ourense.

Agradecemos aos seus responsables a confianza depositada na pesca artesanal galega e no noso equipo de xestión.

Os precociñados, tamén certificados

¿Sabías que os precociñados tamén poden certificarse co selo pescadeRías, ¿de onde se non? Sempre que o produto que se emprega estea previamente certificado e a empresa pase a correspondente auditoría de certificación para ese procesado. Temos un novo axente certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de cefalópodos. O obradoiro de produtos gastronómicos precociñados Yatecomeré aposta pola pesca artesanal como materia prima para a elaboración de croquetas. As da foto son de polbo á feira!!!

O choco reina en Redondela

En homenaxe ao choco procedente da pesca artesanal, que ven de celebrar a súa festa en Redondela, compartimos a reportaxe da RTVG «O mellor choco do mundo». Coa Lonxa de Cesantes (Redondela) e Pescados Vanesa no Mercado de Redondela, os chefs Pepe Solla e Antonio Botana Alvarez, adheridos á marca pescadeRías, de onde se non?, e a blogger Emilia Santiago Blanco (Cousas de Milia), que preparou unha empanada de chocos espectacular. Podes ver o vídeo aquí, e a receita da empanada de Emilia aquí.

Fisterra sabe a longueirón

O longueirón, produto emblemático de Fisterra, está certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? Moita xente coñece as súas bondades gastronómicas, pero… ¿que camiño percorre desde o fondo da ría ata o noso prato? Se queres coñecer como empezou a súa explotación de xeito regulado en Fisterra, como se captura e como se subasta, preme aquí para ver un pequeno fragmento documental que seleccionamos do programa Pescadores de Historias da Televisión de Galicia.

Receita do mes

Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán de Ribadavia, habitual colaboradora da marca pescadeRías, ¿de onde se non?, achéganos unha receita de prago, saborosa e refrescante: prago mariñado con ensalada de fiúncho. A carne delicada deste peixe queda realzada nesta elaboración mariñada con ensalada de notas cítricas. Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.