Este Nadal, regala pescadeRías

Este Nadal, os produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non? son unha magnífica opción, tanto para protagonizar as celebracións familiares e empresariais, como para regalar. As empresas conserveiras certificadas co noso selo poñen a disposición lotes para regalo con coidadas presentacións, onde o produto procedente da pesca local é protagonista: xoubas, berberechos, navallas, ameixas…, que farán as delicias dos seus destinatarios. Ademais, á hora de deseñar os nosos menús navideños, pescadeRías ofrece garantía de orixe e calidade, tanto en produto fresco como en transformado. Consulta a nosa web e ao teu provedor de confianza: deondesenon.xunta.gal

Xestión de mermas na aplicación de trazabilidade

Xa está a disposición dos axentes da marca unha nova funcionalidade na aplicación de trazabilidade vinculada á marca pescadeRías para xestión de diminucións e produto non certificado. Tanto os procesos de transformación como de almacenamento e depuración poden dar lugar a diminucións nos volumes adquiridos, polo que se desenvolveu esta nova funcionalidade que permite regularizar o stock de entradas para que este coincida cos volumes reais.
Implementadas de forma intuitiva e sinxela, as novas accións permitirán informar do uso real das compras, agrupándoas en: produto reexpedido como certificado, produto reexpedido como non certificado e reporte de diminucións, tanto ao final do proceso de transformación do lote completo como durante o mesmo.


A vieira, raíña da ría

En novembro abriu a campaña da vieira na Ría de Arousa, polo que temos vieira fresca disponible no mercado. Lembramos aos consumidores que a única vieira procedente das nosas rías que poden atopar no mercado con garantía de seguridade alimentaria, tanto en fresco como conxelada, está eviscerada e etiquetada individualmente. Neste vídeo pódese ver o procesado, da man de Porto de Cambados, S.L., empresa certificada pescadeRías, ¿de onde se non?

Por fin, centolos!

¡O rei do mar xa está no mercado! O 13 de novembro abriu a veda nas provincias de A Coruña e Pontevedra, e desde entón están á venda nos principais maioristas e puntos de venda. Podes consultar o listado de lonxas, centros de expedición e distribuidores certificados aquí. Abre a ficha correspondente para consultar para que grupos biolóxicos está certificado cada usuario.

Vender máis, vender mellor

Dentro da plataforma de apoio ao desenvolvemento de estratexias de comercialización e promoción dos produtos do mar, a Asociación Clúster Alimentario de Galicia, co financiamento da Consellería do Mar, editou a Guía «Vender máis, vender mellor». Está dirixida ás empresas alimentarias do sector pesqueiro, con exemplos de deseño de marca, campañas enfocadas ao público obxectivo e innovación en envases e embalaxes. Descarga a guía aquí.

Novos produtos certificables

O Comité de Certificación da marca aprobou na súa última reunión a inclusión de especies eurihalinas- cunha fase de vida fluvial e outra de vida no mar- no regulamento da marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Así, a partir de agora, especies como a lamprea e a angula poderán ser comercializadas baixo o selo pescadeRías. A Lonxa de A Guarda xa ampliou a súa certificación para incluir tanto a lamprea como a angula.

Novos usuarios

Este mes damos a benvida a Armadores de Burela-ABSA, entidade que xestiona a Lonxa de Burela, e que acaba de pasar a auditoría de certificación para a comercialización dos cefalópodos procedentes da súa frota de baixura. Tamén se acaba de certificar Conservas Currimar, de Xove, que comercializarán polbo certificado baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non? Parabéns!!

 

Recertificacións e ampliacións

En novembro renovaron a súa certificación durante outros cinco anos as Lonxas de Testal e O Freixo, administradas pola Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, certificadas para bivalvos; a empresa Mar de Silleiro, certificada para crustáceos e equinodermos, e Conservas Frinsa, certificada para bivalvos. A Lonxa de Corcubión, certificada  ata agora para peixes, cefalópodos, equinodermos e bivalvos, ampliou a súa certificación a crustáceos.

Premio Líderes en Calidade para Canosa

Comprázenos anunciar que a empresa Frigorificos de Camariñas, S.L., certificada como empresa transformadora por pescadeRías, ¿de onde se non? recibiu o Premio «Líderes en Calidade» no sector alimentario entregado por Fundación Expourense. Este premio outórgase con motivo da celebración do Día Mundial da Calidade, en sectores como como a alimentación, a sanidade, a educación ou o medio ambiente. Parabéns!!!
Imaxe: La Región

Xornada de análise sensorial Tastelab

Estivemos na xornada de análise sensorial organizada pola empresa Tastelab, co apoio da Consellería do Mar e a Consellería do Medio Rural. Expuxéronse os resultados de someter a distintas condicións de manipulación os diferentes produtos do mar: eviscerado, sin eviscerar, distintas temperaturas, etc. en relación coa vida útil do produto. Tamén fixeron un simulacro de avaliación de produto por parte de consumidores, de cara a introducir novos produtos no mercado.

Especial produtos da nosa terra

O diario Faro de Vigo dedicou unha reportaxe no seu especial Produtos da Nosa Terra á marca pescadeRías, ¿de onde se non? o pasado 25 de novembro. Nela repasa as características e requisitos que teñen que cumprir os produtos pesqueiros e marisqueiros para acollerse á marca, ademáis das ventaxas que proporciona ao consumidor final. Podes ler aquí a noticia completa.

 

Exaltación Berberecho de Noia

O Concello de Noia, xunto coa Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia e a patronal Noia Histórica, celebrarán entre os días 15 e 18 de decembro unhas xornadas de posta en valor do berberecho de Noia. Está prevista a impartición de clases maxistrais por parte de cociñeiros de prestixio a nivel nacional, ás que se convidará a prescriptores do ámbito da comunicación, turismo, comercialización e restauración. O evento está promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia: Costa Sostible e o Clube de Turismo Mariñeiro Mar Galaica.

Presentación da Festa da Raia 2017

O sábado 26 de novembro o Concello de Sanxenxo e a Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo presentaron a vindeira edición da Festa da Raia 2017 que se celebrará os días 29 e 30 de abril. O alumnado do Obradoiro de Hostelaría do Salnés elaborou en directo dous pratos  a base de raia da ría, con exemplares capturados pola flota pesqueira artesanal local coincidindo coa apertura da veda desta especie.

Podes descargar aquí o cartel.

Concurso de Tapas de Lugo 2016

O Restaurante Paprica, adherido a pescadeRías, ¿de onde se non? foi o gañador do XII Concurso de Tapas de Lugo «Xantar de Tapas», coa súa proposta AC-543: Tomate negro de Santiago en diferentes elaboracións con berberechos de Noia ó natural, que tamén gañou na modalidade de tapa ecolóxica Natura Lugo. Esta elaboración representará á cidade de Lugo en distintos eventos de tapas. Parabéns a Álvaro Villasante e a todo o seu equipo!!!!

Imaxe: Concurso de Tapas de Lugo 2016

Formación de axentes certificados

Durante o mes de novembro formouse ao persoal das lonxas de Mugardos, Illa de Arousa, Testal e O Freixo en técnicas de análise de perigos e puntos de control crítico, hixiene alimentaria e manipulación de produtos pesqueiros. Os contidos da formación adaptáronse ás esixencias do manual de xestión de perigos e puntos de control crítico de cada entidade.

Aquelas empresas certificadas que precisen formación para o seu persoal poden solicitalo gratuitamente a través do noso correo-e.

Sorteo de novembro: resultados

En novembro sorteamos no Facebook cinco lotes compostos de libro-receitario de conservas, delantal, manopla e bolsa da compra, entre as persoas que identificaron os dous moluscos da imaxe. As persoas afortunadas foron: Susy Lapido Franco, Ana Quinteiro, Cris Tella, Elena Martínez Bautista e Maixabel LS.  En breve recibirán na súa casa os agasallos. Parabéns!

Atención ao vindeiro sorteo, decembro vén con sorpresas! Síguenos na nosa páxina de Facebook.

A receita do mes

Achégase o Nadal e na nosa mesa non pode faltar a raiña de ría: a vieira. Desde a empresa Porto de Cambados S.L. suxírenos unha orixinal elaboración, de maneira que apreciemos todo o seu sabor natural: Vieira con xugo de cebola tostada e fina lámina de touciño, receita de Javier Olleros, do Restaurante Culler de Pau, en O Grove. Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.