Estreamos conta en instagram

Acabamos de crear a conta da marca pescadeRías, ¿de onde se non? en instagram. Unha nova ventá na que amosaremos fotos e vídeos dos produtos do mar, dos oficios da pesca artesanal e do marisqueo, preparacións culinarias e moito máis. Recorda que tamén podes estar ao día das últimas novidades a través das nosas contas de facebooktwiter e do Canal pescadeRías en Youtube. Preme aquí para acceder á conta e séguenos!!


pescadeRías no Salón de Gourmets

Do 7 ao 10 de maio estivemos na 32 Edición do Salón de Gourmets presentando a marca pescadeRías, ¿de onde se non?. As catas dos produtos certificados tiveron grande aceptación por parte do público. Os representantes da confraría de Noia e das empresas HQ Seaweed e Yatecomeré tiveron oportunidade de facer a presentación dos seus produtos durante as demostraciós de cociña. Como mestres de cerimonias, Emma Pinal, Ana Portals, Criselda Iglesias, José Manuel Mallón e Flavio Morganti. Aquí podes ver un vídeo-resumen do paso de pescadeRías polo evento.

9.000 fans en Facebook!!

Durante o mes de maio superamos os 9.000 seguidores e seguidoras na páxina de Facebook de pescadeRías, ¿de onde se non? Para celebralo, sorteamos un lote de conservas certificadas con produtos de Paco Lafuente, Frinsa, Los Peperetes, Portomuiños, Rosa Lafuente, Ramón Peña, Mar de Silleiro, Conservas Tradicionais Currimar, Conservas Portomar e Pandomar.

Aproveitamos para agradecer a fidelidade e confianza de todos os nosos fans, que coas súas aportacións nos axudan a mellorar cada día.

Coñecendo a pesca artesanal

As persoas gañadoras do sorteo de marzo, visitaron o porto e a lonxa de Portonovo onde puideron coñecer os principais oficios do mar, a tipoloxía de embarcacións pesqueiras e o oficio de reparación e armado de redes e aparellos de pesca. Xa na lonxa, asistiron á comercialización dos produtos do mar e recibiron información sobre o etiquetado. Ademais, visitaron a empresa certificada Mariscos Laxe de Rons S.L. adicada á venda de marisco e peixe ao por maior e detalle, onde coñeceron a súa cetárea de marisco e os crustáceos que comercializan.

SALIMAT-ABANCA

Do 7 ao 10 de xuño estaremos en Silleda no Salón da Alimentación do Atlántico SALIMAT-ABANCA, no stand da Consellería do Mar. Na aula de catas, as demostracións correrán a cargo de Criselda Iglesias (Tapería Lecer), Ana Portals (Solleiros Espazo Gastronómico), Emma Pinal (Gastrobar O Birrán), María Varela (A Parada das Bestas) e José Manuel Mallón (Remollo, Espazo Gastronómico). Descarga aquí o programa e a invitación.

Plans de xestión

En maio foron publicados no DOGA o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa para a campaña 2018-2019, no que se establece o fin da veda para o vindeiro 2 de xullo e o Plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2018 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que establece os topes de captura mensuais para esta especie, que poderá ser extraída entre o 1 de maio e o 31 de xullo.

Adhesións e recertificacións

En maio adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a Tapería Lecer en Cangas do Morrazo (Pontevedra). A nosa receita deste mes forma parte da súa carta, na que os produtos do mar e de cercanía sempre están presentes.

Tamén en Cangas, renovou a súa certificación a depuradora e empresa de distribución Mariscos Calimar S.L., que comercializa baixo o noso selo bivalvos, equinodermos e crustáceos.

Congresos en xuño

Un ano máis, Baiona acollerá o punto de encontro do sector do mar no 19º Congreso AECOC de Produtos do Mar. Nesas mesmas datas, a World Compliance Association celebra o I Congreso Internacional Compliance na industria pesqueira, no auditorio AFUNDACIÓN de Vigo. Ademáis, do 11 ao 15 de xuño, terá lugar a 9th International Fisheries Observer and Monitoring Conference en Vigo, organizada polo IFOMC.

Actividades formativas

Durante o mes de maio impartimos formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos ao persoal da confraría, da lonxa e da depuradora de Cedeira.

A lonxa de Cedeira conta con depuradora propia de bivalvos na que comercializan, entre outras especies, o seu produto máis singular: a cadelucha.

A receita do mes

Criselda Iglesias, chef da Tapería Lecer en Cangas do Morrazo, recentemente adherida ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, preséntanos estes ruliños vexetais de horta e mar. Unha sinxela receita apta para vexetarianos, na que as algas aportan ese toque especial de sabor a mar que fai que cada vez teñan máis protagonismo nas nosas cociñas. Podes ver a receita premendo aquí.