A App «Non piques, non peques» incorpora 30 novas especies

A aplicación móbil «Non piques, non peques», con información sobre vedas, tamaños mínimos e período óptimo de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan en Galicia, incorporou en abril 30 novas especies, que se suman  ás 53 que xa estaban dispoñibles.

As especies incluídas son a acedía, a agulla, o alcrique, a ameixa bicuda, a anguía, a bertorella de rocha, o ameixón, o rabioso, o caramuxo, o carneiro, a castañeta, o choquiño, a choupa peixe, a cornicha, o curuxo, o dentón, o escacho, o escarapote de pedra, o mero, a lamprea de mar, a lapa común, o longueirón vello, o melgacho, o bonito alistado, o peixe porco, a pota común, o prago, o reló, a xuliana e o mexillón.

A descarga da App é gratuíta e está dispoñible en Play Store, no caso dos sistemas Android, e en App Store, no caso de iOS.


Entrega de vales aos premiados

Os gañadores do sorteo realizado entre aquelas persoas que descargaron a APP de pescadeRías, ¿de onde se non? e seguiron as instrucións indicadas na nosa páxina de facebook ou en instagram, recibiron os seus vales de 30€ en peixe e marisco fresco, para ser utilizado nunha peixería adherida.

Alejandro Juanatey decidiu realizar a súa compra en Mariscos Carlos, no Mercado de Abastos de Santiago e Jm Sanjorge en distintos postos adheridos na Praza de Abastos de Bueu.

Remata a tempada do ourizo

A finais de abril rematou a tempada do ourizo de mar nas nosas costas. A campaña deixou boas cifras nas lonxas galegas por mor do aumento dos prezos desta especie, cada vez máis apreciada e con crecente presenza na nosa cociña.

A súa captura está regulada mediante plans de xestión específicos presentados polas confrarías anualmente e aprobados pola Consellería do Mar.  Pode realizarse a pé ou mediante mergullo. As extraccións concéntranse entre outubro e abril.

As nosas especies: Xarda

A xarda (Scomber scombrus) é un peixe de corpo alongado e cor verdosa azulada, percorrido por liñas verticais negras e cun ventre prateado con tonalidades brancas. Presenta unhas estruturas semellantes a aletiñas (pínnulas) próximas á cola, tanto no dorso coma no ventre. Ten unha cabeza afiada e pode chegar a medir ata 50 centímetros. A finais da primavera achégase á costa en grandes bancos entrando nas rías, nadando a medias augas. No inverno regresa a augas máis profundas. De xeito artesanal, captúrase con cerco, liña e enmalle.

Catas comentadas en Boiro

O Concello de Boiro está levando a cabo durante os meses de abril e maio un programa de catas comentadas para dar a coñecer e poñer en valor os produtos galegos de calidade. Dirixidas ao sector da hostalaría e ao público en xeral, a marca pescadeRías, ¿de onde se non? e os produtos certificados da Cooperativa Ría de Arosa serán os protagonistas da sesión que se celebrará o 16 de maio no Centro social de Boiro.

Para máis información preme aquí.

En Maio estaremos en Expomar

Do 09 ao 12 de maio, estaremos en Expomar, unha cita obrigada para os profesionais do sector naútico e pesqueiro que cada ano ten lugar en Burela cun amplo programa de actividades como xornadas técnicas, encontros empresariais de organizacións pesqueiras, entre outros. A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no stand da Consellería do Mar e as empresas certificadas Armadores de Burela-ABSA e Conservas Tradicionais Currimar de Xove participarán como expositores.

Próximas feiras alimentarias

Durante o mes de maio, celébranse importantes feiras de produtos alimentarios, nas que a Consellería do Mar estará presente cun stand dando así visibilidade aos produtos galegos de calidade. Estaremos en Milán na Tuttofood do 06 ao 09 de maio e en Bruxelas na SeafoodExpoGlobal do 07 ao 09 de maio.

Ademais a empresa Porto de Cambados S.L. participará na IX Edición da Feira Slow Fish de Génova do 09 ao 12 de maio.

Festa da Raia de Portonovo

Os días 04 e 05 de maio tivo lugar na lonxa de Portonovo unha nova edición da Festa da Raia e dos Produtos do Mar de Portonovo, organizada polo concello de Sanxenxo.

Entre outras actividades, as persoas visitantes puideron realizar a ruta gastronómica Pincho e raia, degustar diferentes preparacións culinarias coa raia como produto estrela, visitar a exposición Portonovo mariñeiro e asistir a sesións de cociña en directo. Os máis pequenos tamén puideron participar en obradoiros infantís de cociña e nós.

pescadeRías no Salón de Gourmets

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente na 33 Edición do Salón de Gourmets dando a coñecer a pesca artesanal e os produtos certificados no Espazo degustación da Consellería do Mar. Representantes da lonxa de Ribeira, da Confraría de Pescadores de Noia e das empresas Mares de Galicia e Conservas y Ahumados Luso Galaicos presentaron os seus produtos durante os showcooking. Como mestres de cerimonias, Emma Pinal, Criselda Iglesias, Diego López, Rubén González e Kike Piñeiro. Os usuarios das redes sociais consideraron ao posto da Consellería do Mar como o mellor stand de Gourmets. Aquí podes ver un vídeo.

Congreso Internacional Pectínidos

Do 24 ao 29 de abril, celebrouse en Santiago de Compostela o XXII Congreso Internacional de Pectínidos, organizado pola USC, no que investigadores mariños internacionais se reúnen para analizar as novidades e estudios relacionados coas especies de pectínidos existentes en todo o mundo. Esta edición centrouse principalmente na bioloxía, acuicultura, reprodución, fisioloxía, bioquímica, xenética, captura, ecoloxía e economía da vieira.

O selo pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente no evento cun stand informativo sobre a marca de calidade.

23ª Edición de Salimat-ABANCA

Do 6 ao 9 de xuño celebrarase a 23ª Edición do Salón da Alimentación do Atlántico Salimat-ABANCA, en Silleda, onde o selo pescadeRías, ¿de onde se non?, estará presente co stand institucional da Xunta de Galicia.

A Organización ofrece ás empresas do sector de produtos do mar de Galicia estar presentes cun stand de 6 metros cadrados. As persoas interesadas deben confirmar a súa participación antes do 17 de maio. Descarga aquí o Impreso de solicitude e o folleto informativo.

Premios Galicia Alimentación

Por quinto ano consecutivo, o Clúster Alimentario de Galicia convoca os Premios Galicia Alimentación co obxectivo de recoñecer as mellores prácticas en emprendemento, cooperación, innovación e internacionalización do sector ao longo do ano 2019 na nosa comunidade. As categorías recollidas na presente edición son: produto innovador, proxecto empresarial e estratexia de mercado e internacionalización. Accede a toda información para participar premendo aquí. O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 15 de maio.

Adhesións e seguementos

Durante o mes de abril adheríronse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? catro novos restaurantes: A Gabeira (en Valón, Ferrol) e A Maceta, A Ostrería e Amoado en Santiago de Compostela. Benvidos!!

Por outra banda, Conservera Gallega, S.A., coñecida polas súas marcas comerciais Conservas Paco Lafuente e Conservas Rosa Lafuente, superou unha auditoría de seguemento. Esta empresa conserveira está certificada para a transformación de bivalvos, cefalópodos e peixes.

Modificación de zonas de produción

O pasado 23 de abril, publicouse a ORDE do 8 de abril de 2019 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e se clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, que modifica a delimitación e clasificación de zonas de produción de moluscos bivalvos en Ferrol e Corcubión.

Máis información na propia ORDE ou premendo aquí.

Actividades formativas

En abril, impartiuse formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos ao persoal da Lonxa de Campelo. Persoal da peixería do hipermercado Alcampo de Ferrol, adherida ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, recibiu formación sobre a marca.

Por outra banda, na Lonxa de Bueu, tivo lugar unha charla sobre etiquetado individual da marca pescadeRías, ¿de onde se non?, de cara ao inicio da colocación deste tipo de etiquetas nos peixes comercializados neste pósito.

A receita do mes

A xarda é un peixe azul moi rico en omega 3 que está no seu mellor momento de consumo.

Kike Piñeiro, chef do restaurante de Santiago de Compostela A Horta do Obradoiro, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?,  amósanos como prepararla ao pil pil atlántico.  A receita foi presentada nunha cata no Espazo degustación da Consellería do Mar durante a última edición do Salón de Gourmets.  Preme aquí para acceder a ela.