pescadeRías deslumbra no Salón de Gourmets

Do 24 ao 27 de abril estivemos no Salón de Gourmets presentando a marca pescadeRías, ¿de onde se non? As catas e degustacións dos produtos certificados tiveron grande aceptación  por parte do público, que abarrotou a aula de catas.  Os representantes das confrarías de Noia, Aldán, Redondela, Cangas, e da empresa Frigoríficos Rosa de los Vientos tiveron oportunidade de facer a presentación dos seus produtos ao público durante as demostracións de cociña en directo. Como mestres de cerimonias, Emma Pinal, Ana Portals, Álvaro Villasante, Flavio Morganti e Manuel Oliveira. Aquí podes ver un vídeo-resume do paso de pescadeRías polo Salón de Gourmets.


O vindeiro mes, Salimat

Do 8 ao 11 de xuño celebrarase a 21ª Edición do Salón da Alimentación do Atlántico Salimat-ABANCA, en Silleda, onde estaremos presentes co stand institucional da Xunta de Galicia. Aquelas empresas que o desexen aínda están a tempo de solicitar un stand na zona de exhibición de produtos do mar. Ademais, igual que en anos anteriores, está prevista a organización dun evento para bloggers gastronómicos, que coñecerán de primeira man os produtos dos expositores. Para máis información, contacten con salimat@feiragalicia.com.

Fin da campaña nas prazas

Entre o 7 e o 8 de abril rematou a campaña promocional na que participaban as peixeiras e peixeiros adheridos á marca pescadeRías, ¿de onde se non? das prazas de abastos de Santiago de Compostela, Portonovo, Sanxenxo, A Guarda, Cambados, Pontevedra, Bueu e Cee. Podes ver aquí un vídeo con imaxes dos sorteos e da entrega de premios nas distintas localidades. Na imaxe, a Sra. Rosa García, con José María e Sole, de Peixes Aboal e Peixes Sole, na praza de Pontevedra.

pescadeRías na Feira do Libro

O xoves 4 de maio, ás 18:30 h,  Rita Pesqueira, do equipo técnico da marca pescadeRías, ¿de onde se non? participará na mesa redonda «Produtos e cociña de cercanía» que se celebrará na Feira do Libro de Santiago de Compostela, no Paseo Central da Alameda. No debate participarán tamén Conchi Docampo, de Burbullas de Sol, Kike Piñeiro, do Restaurante A Horta do Obradoiro e Fabián Lorenzo e Rafael Brantuas, do CIFP Compostela. Descarga aquí o programa da Feira do Libro.

Misión comercial inversa México-USA

O Clúster Alimentario de Galicia, en colaboración co IGAPE, organiza unha misión comercial inversa os días 8, 9 e 10 de maio de 2017 coa visita a Galicia de varios importadores e distribuidores de produtos alimentarios e bebidas de EEUU e México, algún deles con interese en produtos do mar. O esquema destes encontros consistirá na organización de xuntanzas individuais con compradores convidados. Ademais, poderán organizarse visitas ás fábricas das empresas inscritas. Máis información e inscricións aquí.

En Maio imos a Expomar

Do 25 ao 28 de Maio estaremos na Feira Expomar, que como cada ano se celebrará en Burela. A marca pescadeRías, ¿de onde se non? contará cun stand informativo. Esta á a primeira edición que se celebra desde que Armadores de Burela-ABSA e Conservas Tradicionais Currimar de Xove se certificaron para a primeira venda e transformación de cefalópodos, respectivamente, e ámbalas dúas entidades estarán presentes na feira.

Novos usuarios e recertificacións

En abril certificouse como distribuidora de cefalópodos a empresa Descaexport. A Lonxa de Sada renovou a súa certificación para peixes e cefalópodos, e Portomuiños, para algas e bivalvos. Por outra parte, adheríronse á marca o Restaurante A Centoleira, de Bueu e tres peixerías: Loli Loureiro Mariscos e Peixería Sole, na Praza de Abastos de Pontevedra, e Miguel Ángel Martínez, na Praza de Abastos de Bueu, quen colle o testigo de Fita Cartagena, súa nai, que nos deixa para gozar dunha merecida xubilación.

A vieira, en Gusto Gallego

A vieira protagoniza o número catro da Revista Gusto Gallego, presentado o pasado 26 de abril no Salón de Gourmets. O equipo técnico de pescadeRías estivo alí, onde tivemos ocasión de presenciar unha magnífica posta en escea para a raíña das nosas rías. Neste número colaboran máis de 50 profesionais, entre os que destacan 30 cociñeiros, moitos deles galegos, que teñen este produto como bandeira.

App Non piques, non peques

Xa está dispoñible a aplicación para móbiles «Non piques, non peques”, que nos axudará a identificar de forma sinxela e rápida os tamaños mínimos legais e a mellor época para consumir os peixes e mariscos máis habituais en Galicia.

A aplicación foi desenvolvida pola Consellería do Mar e está dispoñible de xeito gratuito para dispositivos Android, Iphone e Windows Phone.

A captura do polbo con nasas

Pulponor, S. Coop. Galega, empresa certificada pescadeRías, ¿de onde se non? para a distribución de cefalópodos cedeunos unha marabillosa reportaxe fotográfica coa que vos ofrecemos este vídeo explicativo sobre a captura do polbo en Galicia. Pulponor, S. Coop. Galega é distribuidor exclusivo de Polbo de Lonxa, a marca creada polo Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible, que integra ás confrarías de Fisterra, Corcubión, Lira, Muros e Porto do Son.

Aforo completo nas Semanas do Mar

Éxito de participación nas Semanas do Mar de Ourense celebradas en abril, con todas as prazas cubertas e máis de 500 participantes. O público adulto tivo oportunidade de participar nos obradoiros impartidos polo equipo técnico de pescadeRías, xunto con chefs de recoñecido prestixio como Emma Pinal, Héctor López, Flavio Morganti e José Manuel Mallón. Tamén se programaron actividades para escolares como visitas á lonxa de Canido e ao Museo do Mar de Vigo, e obradoiros para promover o consumo de produtos do mar.

Obradoiros pescadeRías

Seguimos cos obradoiros divulgativos destinados a diferentes públicos, desde escolares a consumidores, profesionais de hostalería ou estudantes.

Neste vídeo ofrecemos un resume dos obradoiros organizados en abril en colaboración con distintas entidades, e as súas temáticas: pesca sostible, identificación e diferenciación de moluscos, grados de frescura de peixes brancos e azuis, identificación e despece de raia, e manipulación e limpeza de peixe.

Cos futuros profesionais de peixería

Os concellos de Ames e Brión están a desenvolver o programa integrado para o emprego InsertAmes, no que inclúen un curso de «Auxiliar da sección de produtos frescos: peixería». No marco desta formación práctica para futuros peixeiros e peixeiras convidaron ao equipo técnico de pescadeRías a impartir unha charla sobre produtos da pesca artesanal galega, marcas de calidade e etiquetado dos produtos frescos do mar, xunto co cociñeiro José Manuel Mallón Ardións.

Camiño dos 7000 fans en Facebook

O noso número de seguidores en Facebook sigue medrando, e estamos perto dos 7000. Cando academos esa cifra, celebrarémolo co sorteo dunha cea degustación para dúas persoas nun restaurante adherido á marca.

Para participar no sorteo só tes que ser seguidor/a da nosa páxina de Facebook, aínda estás a tempo. Sorte e grazas por estar aí!!

Centros de Formación en Hostalería

Seguimos visitando os centros de formación en hostalería de Galicia. Este mes estivemos na Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro pertencente á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de A Coruña, e na Escola de Hostalería San Javier, tamén en A Coruña. O alumnado de ámbolos dous centros coñeceu de primeira man os produtos da pesca artesanal nunha charla impartida polo equipo técnico da marca pescadeRías ¿de onde se non?

Receita do mes: Anémonas tuneadas

Este mes, Laura Verde, do Restaurante A Parrocha de Cangas achéganos unha proposta a base de anémonas coa que sorprender aos nosos comensais: anémonas tuneadas con dúas salsas. Receita apta para principiantes nas artes culinarias. Podes ver a receita completa aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.