A marca pescadeRías, ¿de onde se non? recoñecida pola Comisión Europea

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? foi destacada pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas dentro dos proxectos apoiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). O vídeo publicado pola Unión Europea amosa os obxectivos da marca, a tipoloxía de produtos e axentes que engloba a marca facendo unha viaxe polo camiño que percorren os produtos da pesca artesanal desde a súa extracción ata o seu consumo, sen esquecernos das persoas e os oficios do mar implicados. O noso agradecemento a todas as persoas e entidades que fixeron posible a gravación do vídeo.


Eu xa descarguei a APP, e ti?

O 29 de marzo sortearemos, entre todas as persoas que descarguen a APP de pescadeRías, ¿de onde se non?, dous vales de 30€ en peixe e marisco fresco a utilizar nunha peixería adherida. Para participar entra nas páxinas de facebook ou instagram da marca e segue as seguintes instrucións indicadas nas publicacións do sorteo: Preme gústame na publicación, compártea, descarga a APP e envíanos unha foto da aplicación no teu dispositivo móbil. A aplicación pódese descargar desde Google Play para dispositivos Android. Moita sorte!

Fórum Gastronómico A Coruña

Do 10 ao 12 de marzo celébrase o Fórum Gastronómico A Coruña, un encontro para os profesionais do mundo da gastronomía. As empresas certificadas en pescadeRías, ¿de onde se non? Pulponor Sociedade Cooperativa Galega, Mares de Galicia SA, Conservas y Ahumados Luso Galaicos SL e Currimar Conservas Tradicionais, estarán presentes como coexpositores da Consellería do Mar. Novás y Mar Especialidades, SL e Porto-Muiños acudirán cun stand propio.

Consulta o programa completo de actividades.

Galicia Market Place Vigo, 4ª Edición

A IV Edición de Galicia Market Place celebrouse o 28 de febreiro no Círculo de Empresarios de Galicia. Durante a xornada, participamos na mesa redonda Diferenciación para gañar en competitividade e acceder aos mercados esixentes. Calidade diferenciada e certificación como requisitos estratéxicos e no espazo escaparate con dúas empresas certificadas: Cooperativa Ría de Arousa e Yatecomeré. Alfonso Gallardo presentou a súa plataforma de e-commerce, Sal y Laurel, adherida ao selo de pescadeRías, ¿de onde se non? e os produtos certificados degustáronse no showcooking e no almorzo coloquio do evento.

Programa Primare

A posta en marcha do programa Primare permitirá participar nas poxas a través de internet, o que fai posible que compradores presenciais e non presenciais realicen poxas en diferentes lonxas ao mesmo tempo, sen ter que desprazarse. O proxecto leva un tempo pilotándose na rula de Fisterra, onde se están a obter mellores prezos de venda nos seus produtos, especialmente no polbo, despois da posta en marcha deste programa. En breve estará operativo noutras lonxas como a de Ferrol. Aquí podes ver artigo relacionado.

Xantar 2019

Do 06 ao 10 de febreiro estivemos na 20º Edición da Feira Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense, Xantar, promocionando os produtos da pesca artesanal galega. Con Emma Pinal, José Manuel Mallón e Miguel González aos fogóns, os produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non? protagonizaron cinco catas na Aula do Mar.

Podes ver aquí o vídeo resume das actividades realizadas.

Soles Guía Repsol 2019

Nove establecementos adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?  foron galardoados con  Soles da Guía Repsol na gala celebrada o 25 de febreiro en San Sebastián: Casa Solla (Poio) con tres Soles, Restaurante España (Lugo), Pepe Vieira (Poio), O Retiro da Costiña (Santa Comba), Maruja Limón (Vigo) e Yayo Daporta (Cambados), con dous e Dos Reis (Santiago de Compostela), As Garzas (Malpica) e A Tafona Casa de Xantar (Santiago de Compostela) con un. Parababéns a todos!

Solta de xuvenís de lumbrigante

O alumnado do IGAFA, realizou en Carnota unha solta de 575 exemplares de xuvenís de lumbrigante, duns 6 centímetros de lonxitude, criados neste centro de ensino a partir de proxenitores salvaxes procedentes das rías galegas. Os individuos levan inserida unha marca microscópica cun código gravado que permite a súa localización con detectores especiais, distribuídos nas lonxas da zona. Con esta acción, a Consellería do Mar busca contribuír a mellorar a poboación da especie na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos así como estudar o seu crecemento e outros aspectos da súa bioloxía. Preme aquí para ver máis información.

Nova certificación e seguementos

Durante o mes febreiro, a depuradora de Boiro Mariscos Camino, S.L., acadou a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos.

Por outra banda, a lonxa de Testal e o centro de venta de O Freixo, ambos xestionados pola Confraría de Pescadores «San Bartolomé» de Noia, con alcance para bivalvos, así como a lonxa da Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño, con alcance para bivalvos, equinodermos e crustáceos, manteñen a súa certificación tras pasar unha auditoría de seguemento.

Novas adhesións

Entre o Castro de Mallou e a praia de Carnota, atópase o restaurante A´Morosa, que acaba de adherirse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

No mesmo edificio, a peixería Mar da´Morosa, ofrécenos unha grande variedade de peixes e mariscos procedentes principalmente das lonxas de Lira, Muros, Fisterra e Noia, nunha clara aposta polo produto procedente da pesca artesanal e de cercanía. Desde a súa tenda on line realizan envíos a toda a península. Podes consultar toda a información na súa paxina web.

Convocatoria de novos PERMEX

A Consellería do Mar convoca 15 novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de pescadores de Moaña e 10 na de Raxó, no concello de Poio. Podes consultar as convocatorias na páxina web da Consellería. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, despois da súa publicación no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería do Mar. As solicitudes serán estudadas e baremadas, segundo recolle a Resolución do 12 de novembro de 2013 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé.

Actividades formativas

En febreiro, impartimos formación sobre sistemas APPCC ao equipo responsable do sistema de xestión da Depuradora de Mariscos de Suevos S.A. (Arteixo), certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos.

Un dos requisitos esixidos pola marca é que os establecementos conten cun sistema APPCC implantado, garantindo así o cumplimento de todos os requisitos hixiénico-sanitarios establecidos pola lexislación vixente.

A receita do mes

A extracción de ourizos realízase normalmente de novembro a abril, estando agora na mellor época de consumo, por ser cando acadan o maior índice gonadal.

O chef ourensán Miguel González, propietario do Hotel Rústico San Jaime, realízanos unha exquisita proposta con intenso sabor a mar de Ourizo de mar con crema tostada de alloporro e ramallo de mar,  elaborada durante a 20º Edición da Feira Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense, Xantar.

Preme aquí para ver a receita.