A web de pescadeRías estrea nova imaxe

A nosa web acaba de renovar a súa imaxe, mantendo todos os seus contidos, pero presentándoos dun xeito máis actual e de fácil consulta, tanto desde o teu ordenador como desde dispositivos móbiles. O novo formato, conserva as diferentes seccións (Que é pescadeRías?, entidades certificadas, entidades adheridas, produtos da marca, novas e receitas), enlaza coas nosas redes sociais e está dispoñible en galego, castelán e inglés. https://deondesenon.xunta.gal


Catas comentadas en Boiro

Concello de Boiro levará a cabo un showcooking degustación no marco do evento catas comentadas, que organiza este Concello, para dar a coñecer e poñer en valor os produtos do mar de calidade diferenciada en maridaxe con outros produtos da terra abalados igualmente por selos ou marcas de calidade. A actividade está dirixida ao sector da hostalaría local e ao público en xeral.

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no evento, con produtos certificados da contorna, principalmente moluscos bivalvos.

Galicia Market Place

O pasado 3 de marzo celebrouse a V edición de Galicia Market Place, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, baixo o título Sostibilidade e globalización: o ADN do sector marítimo galego.

Durante o evento, tiveron lugar  charlas-coloquio e mesas redondas, degustacións de produtos certificados, así como un espazo escaparate onde empresas do sector presentaron os seus produtos.  Contouse coa participación da Confraría de Pescadores San Bartolomé Noia e as empresas HQ Seaweed, S.L.Joy Embassy, S.L. e Mariscos Comesaña, S.L., todas elas certificadas polo selo.

pescadeRías en Xantar 2020

Do 5 ao 9 de febreiro estivemos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR 2020. Durante o evento, realizáronse mostras de cociña en directo con produtos certificados capitaneadas por Alejandro Iglesias (Restaurante Cabanas), Emma Pinal (Gastrobar O Birrán), Anxo Trives (Restaurante La Viuda) e Flavio Morganti (Restaurante Galileo).

Contaron con presenza na feira, a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia e as empresas Joy Embassy e Frigoríficos Rosa de los Vientos, certificadas pola marca, e Conservas Sotavento. Premendo aquí podes ver un vídeo resumo.

Campaña do choco de Redondela

Durante o pasado mes, comezou a campaña do choco en Redondela, localidade á que da fama este cefalópodo e que exaltan cada ano cunha Festa de Interese Turístico en Galicia.  Na Confraría de Pescadores de Redondela, son 14 as embarcacións adicadas á súa captura, que se realiza con nasas ou trasmallos.

Durante a tempada de choco, pódese desfrutar da experiencia de acompañar aos profesionais do sector. Podes obter máis información sobre este servizo de turismo mariñeiro premendo aquí.

Solta de xuvenís de lumbrigante

O alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), realizou a mediados de febreiro, na Praia do Mar de Lira (Carnota), unha solta de 500 exemplares de xuvenís de lumbrigante  duns 6 cm de lonxitude, criados no propio Instituto. Este tipo de soltas véñense realizando desde o 2012, cun total de 5.200 exemplares liberados, a maioría na costa de Lira.

O lumbrigante (Homarus gammarus) acada a súa talla comercial, de 8,7 centímetros, arredor dos catro anos e medio de vida.

Soles Repsol 2020

A finais de febreiro tivo lugar a gala de entrega de Soles Repsol 2020. En Galicia son 22 os restaurantes que contan con este recoñecemento, que se concede aos mellores restaurantes e cociñeiros/as como símbolo de excelencia culinaria.

Nove destes restaurantes están adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?Casa Solla, que ten tres soles, A Tafona, que acadou o seu segundo sol, e os restaurantes España, Maruja Limón, Pepe Vieira, Retiro da Costiña, Yayo Daporta, tamén con dous soles, e A Gabeira e As Garzas, con un sol.

Nova peixería adherida en Vilagarcía

En febreiro adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a peixería Pescados y Mariscos Cruz, que ten o seu posto na Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa.

Con esta, son cinco as entidades minoristas adheridas nesta localidade nas que se poden mercar produtos certificados: Peixes e Mariscos Mónica, tamén na Praza de Abastos, a peixería Mar de Arousa, e as peixerías ambulantes Pescados e Mariscos Chulas e Pescados e Mariscos Eloy.

Certificacións e ampliacións

Durante o mes de febreiro, renovaron a súa certificación a Lonxa de Cambados, certificada para peixes, bivalvos, cefalópodos e crustáceos, ampliando o seu alcance a algas; a Lonxa de Rianxo, certificada para cefalópodos, crustáceos, bivalvos e peixes; e a Lonxa de Lira, certificada para bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos e gasterópodos.

Tamén renovou certificación a empresa Pulponor S. Coop. galega, cuxo alcance son os cefalópodos, e certificouse, tamén para o grupo dos cefalópodos, a empresa Pescados Pulponor, S.L.

Actividades formativas

En febreiro impartiuse formación sobre Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos nas Lonxas de Rianxo e Cambados.

En Rianxo participaron 17 persoas, entre persoal da confraría e a lonxa e cargos directivos das agrupacións de marisqueo a pé e a flote. En Cambados tamén foron 17 os/as asistentes, entre persoal da lonxa e da confraría, da fábrica de xeo e a directiva das mariscadoras a pé.

A receita do mes

Os ourizos de mar están no seu mellor momento de consumo por presentar un índice gonadal alto.

Enma Pinal, do Gastrobar O Birrán, en Ribadavia, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, ofrécenos esta receita de Royal de ourizos, que presentou o pasado mes durante unha cata no Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR 2020. Preme aquí para vela.