Showcooking Obradoiro de Emprego O Pote

O 21 de outubro, a marca pescadeRías, ¿de onde se non? participou no showcooking de Exaltación dos produtos do mar da Lonxa de Ribeira, organizado polo Obradoiro de emprego «O Pote» do Concello de Ribeira.

Nas instalacións da Lonxa de Ribeira e dirixidos polo profesor de cociña Patxi Movilla, o alumnado do obradoiro preparou dúas elaboracións doces e cinco salgadas a base de xarda, xurelo, lirio, ameixa babosa e polbo. No evento participaron tamén representantes do Concello, da Lonxa de Ribeira, do sector empresarial e da restauración da zona, o que serviu de punto de encontro entre os futuros profesionais da cociña e o sector hostaleiro. Ademais as persoas asistentes puideron coñecer a marca pescadeRías, ¿de onde se non?, particularidades dos produtos que se degustaron, así como aspectos ligados ao consumo responsable, trazabilidade e etiquetado dos produtos certificados.

Na seguinte ligazón podes atopar as receitas dos pratos presentados no showcooking.


Exaltación do Berberecho de Noia

Aínda que máis curtas que en anos anteriores debido á pandemia, a Confraría de Pescadores de Noia celebrou o 15 de outubro, as V Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia, coa presenza de catro grandes cociñeiras.

Durante a mañá, Lucía Freitas (Restaurante A Tafona e Lume), Yolanda León (Restaurante Cocinandos), Iria Espinosa (Restaurante Árbore da Veira) e María Varela (A Parada das Bestas), coñeceron de primeira man o marisqueo na Ría de Muros-Noia e a calidade do seu produto, a selección na lonxa e o proceso de depuración dos moluscos bivalvos. Pola tarde, ofreceron un showcooking na sala de exposicións do Coliseo de Noia co Berberecho como protagonista. Preme aquí para ver o vídeo resumo.

Promoción do Berberecho de Noia

O salón de actos do Concello de Noia acolleu o 22 de outubro, a xornada de diferenciación e promoción do Berberecho de Noia, certificado por pescadeRías, ¿de onde se non?, que supuxo o arranque da Campaña Pescados y Mariscos de España, organizada pola Federación Nacional de Confrarías de Pescadores en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Alimentos de España, co obxectivo de promover o  consumo e poñer en valor os produtos pesqueiros de orixe nacional. Ademais do berberecho de Noia, participarán na campaña o percebe de Asturias, a gamba branca de Villajoyosa e o langostino de Sanlúcar de Barrameda.

Preme aquí para ver unha noticia sobre o evento.

Estabulación de crustáceos en A Illa

A Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra, OPP–20, estreou este verán o centro de estabulación de crustáceos nas instalacións da lonxa de A Ila de Arousa. É un sistema en circuito pechado no que a auga de mar captada trátase con ozono. Conta cun sistema de bombeo, esterilización e filtrado, equipo de refrixeración e nove tanques de estabulación, ademáis de 10 mesas de aceiro inoxidable para realizar a selección de produto. Esta instalación permite manter os crustáceos en auga de mar desde que chegan á lonxa ata que son comercializados durante a poxa. Esta actuación enmárcase dentro do Plan de Produción e Comercialización de 2019 da OPP–20 e está cofinanciada polo FEMP.

Rexeneración en Mugardos

A Confraría de Pescadores de Mugardos realizou, no mes de outubro, a sementeira de 4.120.000 individuos de ameixa babosa (Venerupis corrugata) na Enseada da Barca e 950.000 individuos na Enseada do Baño. Os traballos realizados polos mariscadores a mariscadoras consistiron na mellora do substrato realizando aporte de áridos, remoción de substrato co vehículo anfibio da Confraría e sementeira. Os proxectos para a conservación desta especie autóctona, así como a restauración do seu hábitat na Enseada do Baño e da Barca, están enmarcadas dentro das axudas a proxectos colectivos financiados polo FEMP.

Inicio de campañas

O día 2 de novembro comezou a campaña da volandeira na Ría de Arousa. Os puntos de control, descarga e venta serán as lonxas de Cambados e Rianxo, ámbalas dúas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Este bivalvo captúrase con artes específicas como son o bou de vara e o rastro da vieira.

Por outra banda, o pasado 19 de outubro, comezou a campaña de libre marisqueo na Ría de Arousa, na cal están autorizadas preto de 1.350 embarcacións pertencentes ás distintas confrarías da Ría, en cuxas lonxas serán comercializados os bivalvos extraídos.

Aperturas e peches

Conforme se recolle na RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2020 pola que se aproba o Plan de xestión da centola e do boi 2020-2021, ambas especies poderán comezar a ser extraídas a partires do vindeiro 9 de novembro entre a desembocadura do Miño e o Cabo de Estaca de Bares. A veda continúa dende este punto ata o Río Eo ata o 29 de novembro.

En canto aos peches, o 31 de outubro, rematou o período autorizado para a pesca da anguía nas Rías de Vigo, Arousa e Ferrol, conforme se establece nos correspondentes Plans de Xestión para esta especie.

XXV Xornadas Técnicas en Celeiro

A XXV edición das Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro celebraranse os días 20 e 21 de novembro. Organizadas pola OPP-77 Celeiro, as xornadas poderán seguirse de xeito presencial na Confraría de Pescadores de Celeiro, con aforo limitado e a través de streaming. Serán dous días nos que intercambiar experiencias e debater as claves do futuro de la pesca.

Para máis información e inscricións preme aquí.

Nova peixería adherida

Na Peixería Volandeira, ubicada no Mercado das Travesas (Vigo) e adherida o pasado mes de outubro ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? , podemos atopar unha amplia variedade de peixes e mariscos frescos procedentes da pesca artesanal.

Para unha maior comodidade, realiza envíos a domicilio e ofrece á súa clientela a posibilidade de recibir por wasap a listaxe de produtos dispoñibles cada día, así como os seus prezos.

Novo restaurante adherido

Ubicado no porto deportivo de Ribeira, no Restaurante Náutico, adherido en outubro ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, podemos degustar peixes e mariscos procedentes da lonxa da localidade.

O seu equipo está formado por persoas cunha longa experiencia na restauración. Pódese desfrutar dunha cociña tradicional tanto nas súas instalacións, con vistas á Ría, como nas propias casas, xa que ofrecen servizo de comida a domicilio.

Convocatoria “Da Granxa á Mesa”

A Comisión Europea puxo en marcha a convocatoria “Da Granxa á Mesa” do Pacto Verde Europeo (topic LC-GD-6-1-2020).

Ten como obxectivo abordar desafíos cara a sistemas alimentarios sostibles. Require propostas e solucións innovadoras como fontes alternativas de proteínas, alimentos sostibles dos océanos e acuicultura, asesoramento en dietas saudables e sostibles, entre outros. A data límite de presentación de propostas é o 26 de xaneiro de 2021. Podes atopar máis información aquí.

Tropicalización e novas especies

Como consecuencia do aumento da temperatura dos mares, estase a producir un desprazamento das especies cara ao norte no noso hemisferio, denominado tropicalización,  que consiste no aumento da presencia de especies de augas máis cálidas en zonas temperadas como Galicia.

Podes descubrir máis sobre este fenómeno, e as súas consecuencias nas costas galegas, neste artigo de Rafael Bañón, doutor en Ciencias Biolóxicas e experto ictiólogo.

A receita do mes

A xarda é un peixe azul saboroso, económico e saudable xa que, ademáis de ser rico en ácidos graxos Omega-3, axuda a que os nosos ósos estean sans e fortes polo seu alto contido en vitaminas A e D, que favorecen a absorción do calcio.

A nosa proposta para este mes é preparala en tataki, tal e como foi presentada no showcooking para a Exaltación dos produtos do mar da Lonxa de Ribeira, organizado polo Obradoiro de Emprego «O Pote». Preme aquí para ver a receita.