De tapas por Galicia 2016, con pescadeRías, de onde se non?

O selo pescadeRías, de onde se non? terá presenza no tour promocional da campaña De tapas por Galicia 2016. Un autobús percorrerá as cidades de Madrid, Ávila, Valladolid, Salamanca, Santander, Oviedo, Gijón, León, Braga e Porto, entre os días 6 e 17 de setembro, dando a coñecer o certame De tapas por Galicia, que entre setembro e decembro se convertirá nun dos principais atractivos para visitar as sete cidades galegas e gozar da súa gastronomía.
A presentación da campaña será o 7 de setembro en Madrid, e contará coa presenza dos gañadores da anterior edición, os cociñeiros Rubén González e Sergio Orge, de El Cafetín, entidade adherida a pescadeRías, de onde se non?

Podes descargar o dossier informativo do certame e unha guía cos maiores atractivos das sete cidades galegas participantes: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A partir do 7 de setembro estará habilitada a web: www.detapasporgalicia.com


Programa Verán, Verán

Durante os meses de agosto e setembro, o programa Verán Verán do Canal Rías Baixas está visitando, da man de pescadeRías, unha mostra das empresas usuarias da marca – lonxas, prazas de abastos, restaurantes, depuradoras, empresas de distribución e transformación-. O programa emítese os venres ás 22:15 horas no Canal Rías Baixas. Podes ver aquí as primeiras reportaxes emitidas sobre a marca.

Semana do Mar en Ourense

Do 19 ao 23 de setembro estaremos na Semana do Mar, que se celebrará na Aula de Formación do Concello de Ourense, onde presentaremos o selo pescadeRías, de onde se non? a distintos colectivos de peixeiros/as, empresas de restauración, consumidores/as e público infantil, a través de charlas e obradoiros. Podes descargar o cartel e o programa de actividades. Información e inscricións:  comercio@ourense.es

Mercado do Mar

Os días 24 e 25 de setembro, cita no Mercado do Mar do Festival Mar de Mares, en A Coruña. O sábado 24 ás 19:00 horas, obradoiro “Tesouros con cuncha” dirixido a público familiar, que diferenciará distintos tipos de moluscos bivalvos, e Showcooking de produtos do mar con Beatriz Sotelo, cociñeira do Restaurante La Estación de Cambre. Info: http://festivalmardemares.org/

Obradoiro Fresco Fresquísimo!

Coincidindo coa Festa do Polbo de Bueu, impartimos un obradoiro para promocionar os produtos da pesca artesanal, no que visitamos a lonxa e a praza de abastos da localidade. O público, moi participativo, aprendeu a diferenciar os peixes e mariscos da pesca artesanal, e o seu grado de frescura. Deixámosvos a reportaxe en vídeo e a noticia publicada no Faro de Vigo.

 

Novos usuarios e recertificacións

Damos a benvida á Lonxa de Vilanova de Arousa, que acaba de pasar con éxito a auditoría de certificación: comercializará bivalvos e crustáceos baixo o noso selo de calidade. Felicitamos tamén á Lonxa de Campelo, que ven de renovar a súa certificación de bivalvos e ampliar os grupos certificados: peixes, cefalópodos e crustáceos.

Sorteo 5.000 fans en Facebook

En agosto acadamos os 5.000 seguidores en Facebook e para celebralo sorteamos unha selección de produtos de alta gama, certificados co selo pescadeRías, de onde se non?: alga kombu, paté de percebe e ourizo, xarda, navallas e berberechos. Os proveedores: Portomuiños27 percebeiros, Pan do Mar, Los Peperetes, Conservera Gallega e La Brújula. A gañadora, Rosa Rodríguez, de Rianxo. Que aproveite!

Novidades lexislativas

Resolución do 28 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se modifica a do 23 de febreiro de 2016, pola que se establecen disposicións de ordenación da pesqueira da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) que se pesca en augas ibéricas da zona CIEM VIIIc e IXa. Preme aquí para ver a resolución.

Pulponor estrea etiquetado

A cooperativa Pulponor, S. Coop. Galega, distribuidora exclusiva da iniciativa Polbo de Lonxa, presentanos o seu novo envase para o polbo ultraconxelado procedente da pesca artesanal galega: no reverso podes atopar toda a información sobre a súa orixe, data de envasado e o selo de calidade pescadeRías, de onde se non? Podes ver aquí o reverso e o anverso do envase.

Receita do mes: xurelos en escabeche

Este mes achegámonos ao Parador de Cambados para coñecer, da man do seu cociñeiro Alberto Serantes, unha maneira diferente de preparar os xurelos en escabeche. Unha orixinal, saborosa e sinxela elaboración, atrévete a poñela en práctica. Que aproveite!

Para ver o vídeo da elaboración, preme aquí.