Feliz e próspero 2021!
Todas as persoas que traballamos na marca pescadeRías, ¿de onde se non? desexámosvos moita saúde, paz e prosperidade para o ano novo que comeza. Unha vez máis, queremos agradecervos a confianza depositada no selo.
Camiñando xuntos venceremos. Feliz 2021!
Resultados concurso de Nadal
Plan Xeral de Explotación
Publicada a ORDE do 21 de decembro de 2020 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023, co obxectivo de garantir que a explotación marisqueira se leve a cabo con todas as garantías e de xeito sustentable, tendo en conta aspectos medioambientais, sociais e económicos. Como novidade, os presentados por 17 confrarías, inclúen dentro das actividades de marisqueo a realización de turismo mariñeiro.
Especies pescadeRías
O selo pescadeRías, ¿de onde se non?, certifica produtos procedentes da pesca artesanal e do marisqueo, capturados de xeito sustentable e non máis de 24 horas antes da súa primeira venda nas lonxas. Nas seguintes ligazóns podes atopar fichas con información sobre o valor nutricional de tres especies certificables que podemos adquirir con frecuencia nas nosas lonxas e mercados: Abadexo (Pollachius pollachius), linguado (Solea solea) e nécora (Necora puber).
Aperturas e peches
O día 1 de xaneiro comezou a campaña da lamprea na desembocadura do Río Miño. As lampreas de pesca marítima capturadas neste área comercialízanse certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.
En canto aos crustáceos, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, está autorizada a pesca da lagosta. Por outra banda a nécora e o santiaguiño comezaron a súa veda o 6 de xaneiro, que durará ata o 1 de xullo e o 1 de outubro respectivamente.
Guía Michelín 2021
A Guía Michelín España e Portugal do ano 2021 distingue a Galicia con 15 Estrelas Michelín, 3 Estrelas Verdes, pola súa aposta pola sustentabilidade e reducción do impacto medioambiental, e 25 restaurantes na categoría de Bib Gourmand, que recoñece aos establecementos cunha mellor relación calidade/prezo da guía.
Parabéns a todos e todas, especialmente aos adheridos á marca pescadeRías, ¿de onde se non?.
Recertificacións
En decembro, a lonxa de Redondela renovou a súa certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? para cefalópodos e bivalvos e ampliou o seu alcance a peixes e crustáceos.
O produto máis coñecido que podemos atopar nesta lonxa é o choco, do cal o pasado ano comercializaron máis de 25 toneladas. Por outra banda, nos seus bancos marisqueiros, o conxunto das especies de bivalvos colleitados, superou as 40 toneladas.
Convocatoria de axudas
Convocatoria de Axudas destinadas á primeira adquisición dun buque de pesca, da que poderán ser persoas beneficiarias os/as pescadores/as tripulantes de buques pesqueiros. O prazo de presentación remata o 01/02/21.
Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade. En prazo ata o 15 de decembro de 2021.
Cursos de mariñeiro/a pescador/a
Convocados tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo. O número total de prazas é de 180, a duración será de 50 horas e terán lugar entre o 22 de febreiro e o 09 de abril de 2021. O prazo de prematrícula remata o 22/01/21. Preme aquí para máis información.
Capturas accidentais de cetáceos
A lexislación básica española en materia de protección e conservación da biodiversidade, confire ás especies de cetáceos a máxima categoría de protección. Foto: CEMMA.
Mareas vermellas
As mareas vermellas son un fenómeno natural coñecido desde antigo en Galicia como “a purga do mar”. Están asociadas ao desenvolvemento estacional do fitoplancto e á riqueza das nosas augas.
Francisco Rodríguez, investigador do Instituto Español de Oceanografía e membro do grupo de Microalgas Nocivas no Centro Oceanográfico de Vigo, ofrécenos neste artigo algunhas chaves para entender mellor este fenómeno. Foto de Mónica Pazos.
A receita do mes
Comezamos o ano cunha receita elaborada cun peixe que está no seu mellor momento, a raia, que, como di o refrán, «en xaneiro sabe a carneiro».
A blogueira gastronómica María José Basanta, responsable do blogue Laurel y canela, proponnos preparala en ensalada morna, un prato lixeiro para despois das festas e axeitado para os meses fríos. Premendo aquí podes consultar esta receita, que vos animamos a probar.