A marca pescadeRías, ¿de onde se non?, historia do mes no boletín da Comisión Europea

A Dirección Xeral de Pesca e Asuntos Marítimos da Comisión Europea (DG MARE) destaca como historia do mes, no seu boletín de novas de febreiro, o proxecto da marca pescadeRías, ¿de onde se non?. A Comisión Europea amosa diferentes aspectos da marca e como o proxecto, apoiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), contribúe a por en valor á pesca artesanal en Galicia, aos produtos e axentes que engloba a marca e aos oficios do mar implicados. Previamente, no ano 2019 a Comisión Europea publicou un vídeo sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non? destacándoa como exemplo de boas prácticas.

Preme aquí para ver a nova publicada no boletín da Comisión Europea.


Campaña da vieira na Ría de Arousa

Do 18 de xaneiro ao 04 de febreiro desenvolveuse a campaña de extracción da vieira na Ría de Arousa. De luns a xoves, 30 embarcacións da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados desembarcan na lonxa de Cambados as súas capturas autorizadas, 99 kg/embarcación.

Despois dun proceso de depuración e evisceración, a vieira aparece nos mercados eviscerada fresca, conxelada ou desconxelada, envasada e perfectamente etiquetada.

Especies pescadeRías

Sabías que os peixes e mariscos poden ser unha importante fonte de vitaminas e minerais esenciais se os incorporamos de xeito habitual na nosa dieta?

Premendo nas seguintes ligazóns, podes consultar os principais valores nutricionais que nos aportan estas catro especies con importante presenza nas lonxas galegas e certificables polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?: o rodaballo (Psetta maxima), as raias (Raja spp), a vieira (Pecten maximus) e a centola (Maja brachydactyla).

Atlas da frota de baixura

A Consellería do Mar presentou o 22 de xaneiro o Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018), froito do traballo que desenvolveu a Unidade Técnica da Pesca de Baixura (UTPB). O Atlas analiza a actividade da frota de artes menores, as súas características e as distintas modalidades de pesca, así como as principais especies obxectivo.

Este documento, que estará a disposición do sector, pretende ser unha ferramenta que axude á toma de decisións na xestión dos recursos para que a actividade se desenvolva de xeito sustentable e rendible.

Accións formativas

No mes de xaneiro, o persoal da Confraría de Pescadores de A Pobra do Caramiñal, que se atopa en proceso de certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?, formouse de xeito telemático en Hixiene e Manipulación de alimentos.

Esta mesma formación foi impartida ao persoal da empresa distribuidora de conservas de peixe e marisco Fish Factory S.L. (Conservas La Curiosa), tamén en trámites para acadar o selo.

A Confraría de Vigo en Euronews

A Confraría de Pescadores de Vigo, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, protagonizou unha reportaxe de Euronews, na que se daba a coñecer o camiño que seguen os produtos dende o mar ata o prato.

Os reporteiros acompañaron a José Manuel Sotelo Durán, na súa embarcación Saladino Primero, durante unha xornada de captura de polbo. Premendo aquí podes acceder á noticia e ver o vídeo.

Novas peixerías adheridas

En xaneiro, adheríronse tres novos minoristas ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os establecementos Pescadería Botero Gundín, en Arteixo, e Peixería Botero Gundín na praza de abastos de Malpica; e a peixería ambulante Peixes e Mariscos O Currelo, que fai a súa ruta de reparto polos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Negreira. Benvidos!!

Guía sobre microplásticos

O lixo mariño, no que o plástico é o residuo predominante, supón un grave problema medioambiental a nivel global, que conleva perdas económicas na pesca comercial, o tráfico marítimo ou en actividades recreativas e turísticas. Os microplásticos (partículas e fibras de menos de 5 milímetros) tenden a atraer contaminantes persistentes e bioacumulables, así como organismos vivos de pequeno tamaño que os utilizan como sustrato.

Aquí podes descargar a «Guía sobre microplásticos» publicada por ADEPESCA en colaboración coa Comunidad de Madrid.

Proxecto SEATRACES

O proxecto “SEATRACES: ferramentas intelixentes de trazabilidade y etiquetado para unha produción pesqueira sostible” ten como obxectivo desenvolver métodos que permitan controlar e verificar a información presente nas etiquetas dos produtos da pesca e acuicultura e demostrar as vantaxes da trazabilidade para os produtores.

Carmen González Sotelo, investigadora no CSIC e coordinadora de SEATRACES, explícanos neste artigo, algún dos aspectos e actividades que aborda o proxecto. Premendo aquí, accederás á 2ª Conferencia do proxecto impartida por Carmen González Sotelo.

A receita do mes

O choco está na súa tempada, e podemos atopalo facilmente estes primeiros meses do ano na nosa peixería de confianza, polo que é un bo momento para o seu consumo.

Lucía Freitas, chef dos restaurantes A Tafona by Lucía Freitas, que conta co recoñecemento dunha Estrela Michelín e dous Soles Repsol, e Lume Santiago, amósanos como elaboralo ao curry.

Unha receita 10 coa que sorprender se vos animades a preparala. Preme aquí para acceder a ela.