Inventario sobre patrimonio marítimo pesqueiro

A Consellería do Mar, a través da marca pescadeRías ¿de onde se non? da Xunta de Galicia, está a elaborar un inventario sobre patrimonio marítimo pesqueiro material e inmaterial co obxectivo de poñer en valor a cultura mariñeira.

O inventario conterá, entre outros, refráns, lendas, ditos, poemas e cantigas, costumes e supersticións, toponimia costeira, fala mariñeira, vídeos e fotografías, que se publicarán na páxina web e redes sociais da marca pescadeRías ¿de onde se non?.

Gustaríanos contar coa vosa colaboración na recompilación de información para dar a coñecer e poñer en valor a pesca artesanal galega así como contar con testemuñas de persoas en activo ou retirados que relaten a evolución dos oficios do mar e as artes e aparellos de pesca ao longo do tempo. Se queres participar na elaboración do inventario, podes facelo a través do correo electrónico pescaderiasdeondesenon.cmrm@xunta.gal ou do número de teléfono 656885508. Para máis información preme aquí. Agradecemos o voso esforzo e a vosa colaboración.  Anímate a participar!

Foto: Arquivo histórico Asociación Cultural A Cepa Cangas.


Aperturas e peches

O 30 de abril comezou a veda do polbo en Galicia, que durará ata o vindeiro 5 de xullo. Así aparece recollido no plan experimental para a xestión deste cefalópodo para a campaña 2021/2022.

Tamén en abril, rematou a tempada para a captura de ourizo nas nosas costas.

Por outra banda, conforme se recolle na RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2021 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Ferrol para a tempada 2021, en abril comezou a pesca desta especie eurihalina, que poderá ser capturada ata o 31 de outubro.

Charlas Escolas de Hostalaría

Continuamos co programa formativo en centros de Hostalaría / Industrias Alimentarias de Galicia dando a coñecer ao alumnado a marca pescadeRías, ¿de onde se non?.

Durante o mes de abril, foron impartidas charlas no I.E.S. Fraga do Eume (Pontedeume), o C.I.F.P. Politécnico de Lugo,  o I.E.S Sanxillao (Lugo), o I.E.S de Vilamarín, a Fundación Belarmino Fernández Iglesias (Sober) e o Obradoiro de Emprego Vigo Capacita VI.

Moitas grazas a todos/as pola vosa participación!

Especies de tempada

A xarda (Scomber scombrus) é un peixe azul que contén numerosos minerais esenciais, é rico en vitaminas, especialmente B12 e D, e ten un alto contido en ácidos graxos omega 3, tan importantes para reducir o colesterol e os triglicédidos, mellorar a función cardíaca e a presión arterial e reparar o sistema inmune, entre outros beneficios.

Na primavera achégase ás nosas costas, onde se captura principalmente coa arte do cerco. Se queres saber máis, preme aquí para acceder a unha ficha sobre esta especie, con ampla presenza nos nosos mercados por estar en plena tempada.

Guía elaboración plans de xestión

A Consellería do Mar pon a disposición das confrarías de pescadores e entidades do sector marisqueiro,  unha guía para facilitar o seu labor na redacción e avaliación dos plans de xestión, tanto xerais como de recursos específicos. A súa elaboración responde aos cambios introducidos polo Decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas no que se refire á confección dos plans de xestión así como ao establecemento de obxectivos biolóxicos, ecolóxicos e socioeconómicos a tres anos. É unha ferramenta para a mellora da implementación dos obxectivos no marco dos plans de xestión e está acompañada dun plan de formación personalizado e de carácter práctico.

Soles Repsol 2021

O pasado mes tivo lugar a gala de entrega de Soles Repsol 2021, recoñecemento concedido aos mellores restaurantes e cociñeiros/as como símbolo de excelencia culinaria.

Destes, 11 están adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?: con dous soles os restaurantes A Tafona, EspañaMaruja LimónPepe VieiraRetiro da Costiña e As Garzas, que acadou o seu segundo sol nesta edición. Con un sol o restaurante A Gabeira e 4 novas incorporacións, os restaurantes Auga e Sal, O Balado, O Camiño do InglésMiguel González.

Parabéns a todos!

Especies certificables: algas

As algas ou verduras do mar son fonte importante de nutrientes, vitaminas e proteínas que aportan grandes beneficios para a saúde consumidas en pequenas cantidades. Ademais, na cociña son moi versátiles, debido a súa textura e sabor.

Se aínda non as probaches, este mes facémosche dúas recomendacións: A correa ou espaguete de mar (Himanthalia elongata) sorprende polo seu sabor sutilmente mariño cun toque fresco e a súa textura carnosa e crocante. Por outra banda, a textura suave, carnosa e crocante, apta para facer en tempura do ramallo de mar ou alga percebe (Codium spp.), así como o seu intenso sabor, que recorda ao percebe, será todo un descubrimento.

Axudas á contratación

A Fundación Biodiversidad convoca axudas dirixidas a persoas físicas ou xurídicas con ou sen ánimo de lucro que actúen como empregadoras, que realizaran contratos a tempo completo por un período mínimo de 6 meses, antes do 31 de marzo de 2021, vinculados á economía verde ou azul ou que contribúan a unha liña de negocio sostible ou á xestión dunha mellora ambiental na entidade.

O prazo de presentación remata o 30 de setembro. Para máis información preme aquí.

Actividades formativas

No mes de abril, persoal da Confraría de Pescadores de Lira recibiu formación en Hixiene e Manipulación de alimentos. Acreditar formación nestas materias é requisito indispensable para todas as entidades certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

A Confraría de Lira conta cunha instalación para a conxelación dos produtos da pesca polo que todos os/as manipuladores/as que traballan na área transformadora deben ter vixente a formación nesta materia segundo marca o plan de formación da confraría.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para a obtención de PERMEX de marisqueo a pé nas confrarías de Pontevedra, Espasante, O Barqueiro, Celeiro, Cabo de Cruz e na Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros; para o recurso específico anemones na Confraría de A Coruña e para o recurso específico algas na Confraría de Vigo.

Podes atopar toda a información sobre as diferentes convocatorias na sección de anuncios do portal da Consellería do Mar. Accede premendo aquí.

Nova peixería adherida

En abril, a peixería Pescados y Mariscos Barrena, en Ponteceso (A Coruña), adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Os produtos que ofrecen no seu establecemento, aberto polas mañás de martes a sábado, proceden principalmente da cercana lonxa de Malpica. Tamén realizan envíos a domicilio a toda a península.

Podes consultar o listado completo de establecementos adheridos ao noso selo entrando na nosa web.

Novo restaurante adherido

No Restaurante San Francisco, na vila mariñeira de Malpica de Bergantiños, en plena Costa da Morte, podemos degustar os mellores mariscos e peixes preparados conforme receitas tradicionais.

Na súa aposta polos produtos de proximidade e tempada, mercan as materias primas na lonxa desta localidade, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, que garante a súa procedencia da pesca artesanal, calidade e frescura.

Certificacións e seguementos

En abril, a depuradora e empresa de distribución Mariscos Islas Cíes, certificouse para bivalvos, crustáceos, peixe, cefalópodos, gasterópodos, equinodermos e antozoos e a depuradora Da Lonxa ao Prato para Bivalvos. A Confraría de Lira, ampliou o seu alcance de certificación a peixes e a conxelado de peixes e bivalvos e a Confraría de Redondela ampliouno para a distribución de bivalvos e cefalópodos. Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L. renovou a súa certificación e Pulpo de Camariñas, S.L. realizou unha auditoría de seguemento.

Premios Galicia Alimentación

O Clúster Alimentario de Galicia convoca a sétima edición dos Premios Galicia Alimentación co obxectivo de recoñecer e visibilizar as mellores prácticas en emprendemento, dixitalización, innovación, sustentabilidade, mercadotecnia e internacionalización do sector, a través de tres categorías: produto innovador, proxecto empresarial ou institucional e estratexia de mercado.

A presentación das candidaturas está aberta ata o 1 de xuño. Máis información premendo aquí.

Atlas da Flota de Baixura

Atlas da Frota de Baixura do Litoral de Galicia amosa o resultado da análise da información recompilada polos observadores da Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) da Consellería do Mar no período 2000-2018 xunto coa serie histórica da actividade da frota rexistrada nas bases de datos oficiais da administración pesqueira galega.  Premendo aquí, podes coñecer máis sobre a elaboración deste documento nun artigo de Alberto Otero Peña, subdirector xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico da Consellería do Mar. O atlas pode consultarse nesta ligazón.

A receita do mes

Este mes non deberíamos perder a oportunidade de incluír a xarda nos nosos menús. Ademais de estar no seu mellor momento de consumo e do seu elevado valor nutricional, o seu prezo é moi asequible por estar en plena tempada.

Anxo Trives, do Hostal Restaurante La Viuda en A Pobra de Trives, integrante do grupo Cociña Ourense, grupo representativo dos cociñeiros desta provincia, amósanos como preparala con pasta nunha receita que podes atopar premendo aquí.