Novas lonxas acadan a certificación da marca pescaenverde

No marco da colaboración entre a Consellería do Mar e a Universidade de Santiago de Compostela – USC para levar a cabo a incorporación e uso da marca pescaenverde xunto coa marca pescadeRías, ¿de onde se non?, o grupo de investigación de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela levou a cabo a avaliación da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxético da pesca de baixura da flota artesanal, asociadas ás confrarías de pescadores de Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, Cedeira e Ferrol, recentemente certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os cálculos realizados pola Universidade de Santiago de Compostela, evidenciaron que as especies capturadas baixo as modalidades de pesca aceptadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? están dentro dos límites aceptables de pegada de carbono e taxa de retorno enerxético establecidos pola ecoetiqueta pescaenverde. Como resultado, as lonxas de VilaxoánCabo de CruzRibeiraCedeira e Ferrol poderán tamén incorporar a marca pescaenverde nas súas etiquetas e comercializar os seus produtos coas dúas marcas, transmitindo así aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos. Con estas novas entradas son 39 as lonxas e centros de primeira venta que usan a marca pescadeRías+pescaenverde.


Mulleres do Sector Pesqueiro

Os días 5 e 6 de novembro, a Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro celebrou en Xixón o seu 6º Congreso Nacional, organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, baixo o título «pola Igualdade na Pesca».

O Congreso contou con mesas redondas e obradoiros sobre distintas temáticas de interese para as mulleres do sector. Deuse protagonismo á iniciativa empresarial feminina, a través de recoñecementos a asociacións de mulleres do sector en ámbitos como o desenvolvemento de novos produtos e servizos, o medio ambiente, a diversificación, a inclusión social ou á promoción do liderado e empoderamento feminino.

Gastronosa

O 28 de outubro, a Asociación de Amigos da Cociña Galega – Amicogal, celebrou o seu 43 aniversario na Cidade da Cultura, coa I Edición do evento Gastronosa, un encontro entre empresas produtoras e o sector da hostalaría.
A xornada contou coa participación de 30 expositores de produtos galegos de calidade, ademais de catas, degustacións, showcookings e actuacións musicais. Os produtos certificados estiveron presentes da man das empresas Frigoríficos Rosa de los Vientos, Mares de Galicia e O Percebeiro. Participaron cociñeiros de restaurantes adheridos como Mesón de Alberto, Hostal La Viuda, Restaurante Cabanas e O Camiño do Inglés. Preme aquí para ver un vídeo.

Exaltación do Berberecho de Noia

Do 17 ao 20 de outubro, celebráronse as IV Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia, organizadas pola Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia.
Os cociñeiros Iván Domínguez (Restaurante NaDo), Daniel López (Restaurante O Camiño do Inglés), Fernando Agrasar (Restaurantes As Garzas e Salitre), Cristian Santiago (Restaurante Marea) e Óscar Vidal (Asador O Pazo), coñeceron de primeira man o marisqueo na Ría de Muros-Noia e a calidade do produto, a selección do berberecho na lonxa e o proceso de depuración. Xa pola tarde, ofreceron unha masterclass co Berberecho de Noia como ingrediente principal. Preme aquí para ver un vídeo das actividades realizadas.

Marisqueo e Recursos Específicos

En outubro comezou a extracción de peneira na provincia de Pontevedra, conforme estaba establecido nos plans de xestión para este recurso. A partires de novembro, comezarán a aparecer capturas deste gasterópodo en distintas lonxas coruñesas. A peneira (Haliotis tuberculata) é considerada un manxar cada vez máis presente na nosa gastronomía. Preme aquí para ver unha ficha desta especie.

Por outra banda, o pasado 14 de outubro, comezou a campaña de libre marisqueo na Ría de Arousa, así como nas zonas de concesión do ámbito territorial da Confraría de Ribeira.

Aperturas e peches

Conforme se recolle na RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2019 pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi 2019-2020, estas dúas especies poderán comezar a ser extraídas a partires do vindeiro 10 de novembro entre a desembocadura do Miño e o Cabo de Estaca de Bares. A veda continúa dende este punto ata o Río Eo ata o 1 de decembro.

En canto aos peches, o 31 de outubro, rematou o período autorizado para a pesca da anguía, conforme se establece nos Plans de Xestión para esta especie.

Inicio da campaña da volandeira

O día 4 de novembro comezou a campaña da volandeira na Ría de Arousa, cun tope de capturas por tripulante de 50 quilos e un máximo de 3 tripulantes por embarcación. Os puntos de control, descarga e venta serán as lonxas de Cambados e Ribeira, ámbalas dúas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Este bivalvo captúrase normalmente de novembro a marzo con artes específicas como son o bou de vara e o rastro da vieira. Tamén podemos atopala no mercado eviscerada, tanto en fresco como conxelada.

II Premios Economía Azul

O pasado 25 de outubro, tivo lugar a cerimonia de entrega dos II Premios Economía Azul,  creados para recoñecer os proxectos destacados subvencionados polas axudas concedidas ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.

O proxecto Do mar á mesa: Depuración e punto de venda, da depuradora da Confraría de Pescadores de Cedeira, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? recibiu o premio na categoría «Apoio á pesca costeira artesanal». Aquí podes ver un vídeo sobre esta iniciativa.

Proxecto Rías de Vida Galicia

O Proxecto de Vídeo Submarino Rías de Vida, impulsado pola Asociación Cultural Rías de Vida e co financiamento do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, FEMP, foi presentado o día 26 de outubro, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, Poio.

A colección consta de 25 documentais do ecosistema mariño da Ría de Pontevedra, que foron realizados por Pedro Alonso Seoane, videógrafo submarino e Luís López Cordeiro, fotógrafo submarino. Os audiovisuais están dispoñibles na canle de Youtube de Rías de Vida.

Actividade no CIFP Compostela

21 alumnos/as de 2º curso do Ciclo Superior de Dirección de Cociña do CIFP Compostela de Lamas de Abade participaron nunha xornada formativa co fin de coñecer a marca pescadeRías ¿de onde se non?

Posteriormente deseñaron un menú a base de produtos da pesca artesanal certificados que presentaron para degustación no Gastrobar do propio centro educativo.

Feira ANUGA

A Consellería do Mar promocionou os produtos do mar na 35 edición de Anuga, a feira máis importante de Europa no sector da alimentación, que se celebrou en Colonia, Alemaña, do 5 ao 9 de outubro.

Participaron 17 empresas, entre as que se atopaban Conservas Portomar e Frinsa del Noroeste, certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Joy Embassy S.L. en Canadá

Joy Embassy S.L., empresa distribuidora de produtos da pesca transformados con sede en Pontevedra, participou na Grocery Innovation Canadá 2019, que se celebrou en Toronto o 22 e 23 de outubro. Comercializa conservas e polbo pasteurizado baixo a marca GAELA. Está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para bivalvos, gasterópodos, peixes, equinodermos e cefalópodos. O seu mercado é sobre todo internacional: Estados Unidos, Canadá, Asia e Europa.

Proxecto COKLES

No marco do Proxecto Cockles “Cooperación para a recuperación das pesquerías de berberecho e os seus servizos ambientais na Área Atlántica” coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR xunto co Instituto de Investigacións Mariñas (CIMA) e financiado polo programa de Cooperación Transnacional Espacio Atlántico da Unión Europea, elaborouse o vídeo A Xoia Oculta do Atlántico que amosa, entre outros, a bioloxía do berberecho, o seu peso económico-social, a súa xestión, a súa comercialización, as súas enfermidades e a gastronomía. No proxecto participa a Confraría de Pescadores de Cambados.

Pesca e lixos mariños

Os lixos mariños están a ser unha importante problemática para os ecosistemas mariños que, segundo o Servizo de Estudos do Parlamento Europeo, supón un custo de preto de 700 millóns de euros ao sector pesqueiro.

A II Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no PNMT Illas Atlánticas de Galicia, que ten por obxectivo recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños do Parque Nacional, elaborou unha infografía, na cal, entre outra información, indica unha serie de Boas prácticas na pesca para evitar os lixos mariños. Preme aquí para acceder a ela.

Polbodelonxa en Makro Coruña

O pasado 11 de outubro, a empresa certificada Pulponor, S. Coop. Galega, realizou unha acción de promoción dos seus produtos en Makro de A Coruña, no marco dunha campaña que está levando a cabo este establecemento para a posta en valor dos provedores locais.

Durante toda a mañá, a clientela degustou polbo elaborado por unha polbeira tradicional e coñeceu a marca  comercial Polbodelonxa, baixo a cal Pulponor comercializa este cefalópodo, procedente de lonxas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Premios Alimentos de España 2019

O pasado 4 de outubro, publicouse o Extracto da Orde de 18 de setembro de 2019, pola que se convoca o Premio «Alimentos de España, ano 2019», nas seguintes modalidades: Premio á Industria Alimentaria e Accésit á Iniciativa Emprendedora, Premio á Produción Ecolóxica, Premio á Internacionalización Alimentaria,  Premio á Produción da Pesca e da Acuicultura, Premio á Comunicación, Premio á Restauración e Premio Extraordinario Alimentos de España. Para obter máis información sobre esta convocatoria preme aquí.

Novas adhesións

Durante o mes de outubro, adheríronse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a peixería Mar das Sisargas de Carral (A Coruña), na que atopamos unha grande variedade de peixes e mariscos procedentes de lonxas da contorna, principalmente da de Malpica, e a peixería de Alcampo Santiago.

Tamén temos dous novos restaurantes de Ferrol no selo, A Pousada da Galicia Imaxinaria, situado no casco histórico da cidade, e Casa Claudina, a carón da Praia de San Xurxo.

Certificacións

En outubro, a empresa Mar da Morosa, certificouse no selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a distribución de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe. A Confraría de Pescadores de Fisterra, certificada para bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos, peixe e algas, ampliou o seu alcance a gasterópodos, e a Confraría de Pescadores de Vigo, certificada para bivalvos, cefalópodos e crustáceos, ampliouno a algas, equinodermos e antozoos.  A conserveira Frinsa del Noroseste, S.A., cuxo alcance de certificación son os bivalvos, superou unha auditoria de seguemento.

Apoio a empresas agroalimentarias

A Fundación Juana de Vega convoca a VIII edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, dirixido a empresas e emprendedores/as dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como a proxectos e servizos noutros campos relacionados cos anteriores, que contribúan ao desenvolvemento do medio rural de Galicia. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 30 de novembro.

Podes obter máis información e inscribirte no mesmo premendo aquí.

Formación

En outubro impartiuse formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos ao persoal da empresa distribuidora de peixes e mariscos Mariscos Comesaña, S.L., certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? para crustáceos, equinodermos, cefalópodos, antozoos e peixes.

Tamén durante este mes,  o persoal da peixería do hipermercado Alcampo de Vilagarcía de Arousa, adherida ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, recibiu formación sobre a marca.

A receita do mes

Alexo Negreira, propietario do restaurante adherido CasAlexo en Ferrol, proponnos acompañar uns lombos de pinto á prancha con cogomelos de tempada, unha apetecible combinación, moi apropiada para estes meses de outono.

O pinto e a maragota son considerados dous morfotipos da especie Labrus bergylta, aínda que algúns estudos científicos falan de claras diferenzas entre ambos, que poden evolucionar cara a especiación. Denomínanse maragotas os exemplares de tons verdes e acastañados e pintos os vermellos con manchas brancas. Preme aquí para ver a receita.