Conxemar 2021

Do 5 ao 7 de outubro celebrouse a edición número vinte e dous da Feira Internacional de Produtos do mar Conxelados, CONXEMAR, no Instituto Ferial de Vigo.

A Feira CONXEMAR, consolidada como referente do sector do conxelado a nivel mundial e cunha superficie expositiva actual de 31.500 m2,  serviu de escaparate internacional  para o sector transformador: maioristas, importadores, exportadores, transformadores, fabricantes, distribuidores, frigoríficos, maquinaria e industria auxiliar. Nesta edición participaron 486 expositores procedentes de 28 países.

Consellería do Mar estivo presente co stand institucional da Xunta de Galicia que serviu de punto de encontro para os profesionais do sector do mar. Tiveron stand propio as empresas certificadas Mariscos Daporta S.L.Frigoríficos de Camariñas S.L.Frigoríficos Rosa de los Vientos S. L.  e Frinsa del Noroeste S.A. 


34 Edición do Salón Gourmets

Do 18 ao 21 de outubro celebrarase a 34 Edición do Salón Gourmets no Recinto Ferial de IFEMA en Madrid. A Consellería do Mar estará presente no Stand institucional da Xunta de Galicia (STAND Nº 6F10, Hall 6)  con 24 empresas coexpositoras. Contará cun amplo programa de actividades no Espazo Degustación onde a marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente dando a coñecer a pesca artesanal, os oficios do mar e os produtos certificados. Premendo aquí podes consultar o programa de catas e aquí descargar a invitación.

Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar

Do 3 ao 7 de novembro celebrarase unha nova edición de XANTAR,  Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense. A Consellería do Mar estará presente no stand institucional da Xunta de Galicia e contará cun variado programa de degustacións onde os produtos certificados serán protagonistas. Ademais, pon a disposición das empresas comercializadoras de produtos do mar catro espazos. Se estás interesado en participar podes atopar toda a información premendo aquí.

Especie do mes: berberecho

O berberecho (Cerastoderma edule) é un molusco bivalvo que ten as cunchas de forma case circular. Posúe entre 22 e 28 costelas ben marcadas e vive en fondos lamacentos e de area fina próximos ás costas. Pode ser capturado a pé con sachos, angazos ou ganchas cunha lonxitude e separación entre dentes axeitada para esta especie. Tamén se captura dende embarcación con raños, rastros ou ganchos.

Preme aquí para saber máis sobre este molusco.

III Festa da empanada mariñeira de Portonovo

O 2 e 3 de outubro celebrouse a III Festa da Empanada Mariñeira con produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, organizada polo Clube de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo.

O público asistente puido desfrutar de preparacións de empanada con produtos certificados de diferentes confrarías de pescadores,  asistir a maridaxes e demostracións de cociña en directo e participar no concurso popular da empanada mariñeira, entre outras actividades.

VIII Conferencia Internacional Arvi sobre o Futuro da Pesca

O 27 e 28 de setembro tivo lugar a VIII Conferencia Internacional Arvi sobre o Futuro da Pesca: a pesca europea ante o Level Playing Field.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Mercedes Rodríguez Moreda, impartiu un relatorio sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non? dentro do bloque «O etiquetado e as certificacións na pesca do futuro: como facer partícipe á persoa consumidora no level playing Field».

Mercado do Mar

O pasado sábado 25 de setembro e como parte das actividades da VIII Edición do Festival Mar de Mares tivo lugar unha nova edición do Mercado do Mar. Durante o evento celebrado na cidade de A Coruña, realizouse o showcooking con produtos certificados Tesouros das nosas rías capitaneado por Criselda Iglesias da Tapería Lecer de Cangas. Así mesmo, Pescados Rabina, peixería situada no Mercado de Lugo e adherida ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?Conservas La Curiosa, empresa certificada pola marca, presentaron os seus modelos de negocio. Preme aquí para ver un vídeo.

Vedas crustáceos

O 30 de setembro comezou a veda da lagosta (Palinurus elephas) en Galicia. Poderá extraerse de novo a partires do 1 de xaneiro do vindeiro ano.

Por outra banda, rematou a veda do santiaguiño (Scyllarus arctus) que poderá ser capturado ata o 5 de xaneiro de 2022. O período autorizado para a captura desta especie é de tan so tres meses ao ano para evitar a súa sobreexplotación.

Inicio da campaña do ourizo

No mes de outubro comezou a campaña do ourizo 2021-2022 nas Confrarías de Pescadores da provincia de Pontevedra. A súa captura, que pode facerse a pé ou a mergullo, regúlase mediante plans de xestión aprobados pola Consellería do Mar. Nas lonxas das provincias de A Coruña e Lugo aparecerán os primeiros ourizos entre novembro e xaneiro, dependendo da época de captura que figura nos plans de xestión presentados por cada Confraría. A campaña prolongarase ata abril do ano 2022.

Campaña de mariqueo en Noia

O 28 de setembro comezou a campaña de marisqueo 2021/22 na Ría de Muros – Noia. Arredor de 1500 persoas, entre mariscadores/as a pé e desde embarcación, están autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xaponesa. Os bivalvos comercializados na lonxa de Testal e o centro de primeira venda de O Freixo están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Podes atopar imaxes do arranque da campaña na seguinte ligazón.

A empresa do mes: Mariscos Calimar

Mariscos Calimar, S.L. é unha empresa con sede en Cangas do Morrazo (Pontevedra) especializada na venta de marisco fresco a nivel local, nacional e internacional. Subministran os seus produtos ao sector maiorista de marisco e ao sector da restauración, a quen ofrecen un trato personalizado e adaptado ás súas necesidades. Están especializados en moluscos bivalvos, percebes e ourizos. O seu produto estrela é a gónada de ourizo. Están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para os grupos biolóxicos equinodermos, bivalvos e crustáceos.

pescadeRías no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU

Entre o 10 e o 19 de setembro tivo lugar a 14º Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU 2021.

O Domingo 19, directores/as e críticos/as do cinema e profesionais do audiovisual, música e radio asistiron á actividade «Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?« con Criselda Iglesias da Tapería Lecer aos fogóns. Coñeceron a marca pescadeRías, a pesca artesanal e as características dos produtos certificados.

Accións formativas

Durante o mes de setembro impartiuse formación en hixiene e manipulación de alimentos a mariscadores/as e a todo o persoal da Confraría de Pescadores de Mugardos.

Recibiu tamén formación nestas materias o persoal da Confraría de Pescadores de Barallobre e da súa depuradora e o persoal responsable da manipulación dos produtos pesqueiros da empresa Mariscos Calimar, S.L. adicada á depuración, transformación e distribución de bivalvos, crustáceos e equinodermos.

Novas peixerías adheridas

Mar das Sigargas, que contaba cun establecemento adherido en Carral (A Coruña), adheriu este mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? as súas peixerías de Arteixo, Carballo e Laracha, onde ofrece á súa clientela peixes e mariscos procedentes da nosa pesca artesanal.

Por outra banda, adheriuse á marca Mariscos Areamar sito na praza de abastos de Portonovo. Comercializa a nivel nacional unha grande variedade de mariscos procedentes de lonxas galegas e entidades certificadas.

Novos restaurantes adheridos

Na cidade de Santiago de Compostela e ubicado na zona monumental, o restaurante Orixe inspira os seus pratos “na cociña das avoas” e ofrece unha carta fiel á súa filosofía, onde se poden degustar os mellores produtos que nos brinda a gastronomía típica de Galicia, sempre baixo un prisma de innovación.

En Vigo, o restaurante Niño Corvo, con Adrián Albino ao frente como cociñeiro e propietario, destaca polo seu exemplar trato ao produto, que o convirte nun dos máis emblemáticos establecementos da cidade olívica.

Certificacións e ampliacións

A depuradora de moluscos bivalvos Luis Rosales realizou a súa auditoría inicial no mes de setembro. Por outra banda, superaron auditorías de recertificación a Confraría de Mugardos (bivalvos e gasterópodos), a Confraría de Barallobre así como a súa depuradora (bivalvos, gasterópodos e equinodermos) e a empresa Mariscos Calimar, S.L., adicada a depuración, transformación e distribución de bivalvos, crustáceos e equinodermos. Así mesmo, tivo auditoría de recertificación a Confraría de Aldán – Hío (bivalvos, crustáceos e gasterópodos), e ampliación de alcance de certificación para o grupo biolóxico peixes.

Convocatoria de PERMEX

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2021 da xefatura territorial da Consellería do Mar en Vigo pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé da confraría de Moaña.

O número de prazas convocadas é de nove. Podes atopar as bases, impresos de solicitude e toda a información relacionada premendo aquí.

Proxecto Valober.Gal

O proxecto “ Valober.Gal: Valorización do berberecho Cerastoderma edule da costa galega, mediante marcador de identidade da súa orixe xeográfica” ten como obxectivo dotar ao berberecho da costa galega dunha identidade propia e diferenciada no mercado como recurso sostible, verificable mediante técnicas moleculares baseadas en datos xenéticos.

Para saber máis sobre o mesmo, preme aquí para acceder a un artigo.

A receita do mes

Maica Couto e Diego Domínguez, do Restaurante A Ostrería de Santiago de Compostela adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, amósannos este mes como preparar un prato que combina dúas xoias da gastronomía galega: filloas e polbo.

A receita foi presentada no showcooking “De proximidade e con selo propio” na 24º Edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA. Preme aquí para acceder a ela.